A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou hoxe no Parlamento de Galicia da xuntanza convocada para o vindeiro luns
A Xunta convoca aos 23 concellos excluídos do mapa estatal de transportes para consensuar as alegacións e pedir ao Goberno central que rectifique
Vázquez Mourelle insta ao Executivo a modificar o mapa concesional das liñas de autobús porque abandona as poboacións pequenas e incide no despoboamento rural
Detalla que a planificación estatal elimina 76 servizos interiores e 1.100 rutas deixan de prestarse de xeito directo, obrigando aos usuarios a facer transbordos
Lamenta que o Goberno non tivera en conta no deseño deste mapa o interese público, nin o social, nin a vertebración, e que primase só a rendibilidade económica
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta convocou o vindeiro luns aos alcaldes dos 23 concellos que quedaron sen parada dos autobús estatal para consensuar alegacións, sumar esforzos e rectificar o mapa concesional de transportes do Goberno central.
Vázquez Mourelle instou hoxe ao Goberno de España a modificar o novo mapa concesional das liñas de autobús estatal porque, dixo, supón o abandono das poboacións máis pequenas e incide no despoboamento do rural.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, a titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta detallou que o mapa estatal significa un recorte drástico de paradas, propiciando que 23 concellos queden sen autobús; elimina 76 servizos interiores; e 1.100 rutas deixan de prestarse de xeito directo, obrigando aos usuarios a facer transbordos.
Ethel Vázquez lamentou que o Goberno de España non tivera en conta no deseño deste mapa nin o interese público, nin o social, nin a vertebración, pois só lle importou a rendibilidade económica.
Apuntou que restrinxir a atención ás zonas urbanas e metropolitanas pode que saia máis a conta para as empresas concesionarias do servizos, pero non contribúe a facer país, nin a vertebrar territorio nin a combater a despoboación. Neste sentido criticou que, tanto o novo mapa de transporte estatal como a Lei de mobilidade sostible que impulsa o Goberno central, cercenan servizos de autobús e os trens de media e curta distancia e cualificou de abuso o feito de que o Goberno de España pretenda utilizar as comunidades como escudo, para que estas suplan todos os servizos que o Executivo central desmantela.
Aposta da Xunta polo transporte público
Ethel Vázquez contrapuxo o mapa estatal co Plan de Transporte Público de Galicia impulsado pola Xunta, que desde o 2016 duplicou en cada unha das catro provincias o número de liñas, de paradas e de servizos. Subliñou que o Goberno galego dotou a comunidade dun servizo de transporte público por estrada eficaz, competitivo e adaptado ás necesidades dos usuarios.
Nestes sentido destacou que, mentres o Executivo central reduce un 53% as paradas, un 35% os servizos e un 47% as rutas, a Xunta aumentounas un 160%, un 97% e un 270% respectivamente.
Por último, a conselleira fixo fincapé no investimento autonómico sen precedentes en materia de transporte público, ao que destina máis de 80 M€ ao ano e que permite ter en funcionamento novas modalidades de transporte, como o transporte a demanda e compartido que ofrecen unha gran capilaridade no territorio, ou que os menores de 21 anos viaxen gratis no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta ‘Xente Nova’.