A conselleira do Mar participou na inauguración do curso de verán ‘Os mares tínguense de verde: a UE e a transición ecolóxica e dixital dos mares e océanos’
Galicia defende a necesidade de contar cos mellores datos posibles á hora de tomar decisións na xestión pesqueira ante retos como o cambio climático
O Executivo galego destaca a importancia de que todas as normas que emanan da Unión Europea conten cun traballo rigoroso previo para que sexan acordes coa realidade do sector pesqueiro
Rosa Quintana lembra que os recursos mariños son fundamentais para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía e que a frota galega é consciente desde hai tempo da necesidade de realizar unha explotación responsable das distintas especies co obxectivo de garantir o futuro da actividade
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de contar cos mellores datos científicos, técnicos e xurídicos para non errar á hora de tomar decisións na xestión pesqueira e afrontar retos como o cambio climático e a transición ecolóxica. Fíxoo durante a súa participación na inauguración do curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) Os mares tínguense de verde: a UE e a transición ecolóxica e dixital dos mares e océanos, onde destacou a importancia de que todas as normas que emanan da Unión Europea conten cun traballo rigoroso previo.
A titular de Mar lembrou que os recursos mariños son fundamentais para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía e subliñou que os pescadores galegos son conscientes desde hai moito tempo da necesidade de realizar unha explotación responsable das distintas especies co obxectivo de garantir o futuro da actividade.
Nesta liña, a representante da Xunta expuxo que a Administración galega adoita cargarse de argumentos e elabora os estudos necesarios co obxectivo de que as normas comunitarias sexan acordes coa realidade do sector e que, unha vez estas se aproban, a comunidade é todo un exemplo a nivel europeo no seu cumprimento.
Por iso, pediu que Bruxelas siga esa senda de traballo e adopte todas as decisións baseándose en informes elaborados e rigorosos ao tempo que salientou a necesidade de que a Comisión Europea elabore normativas xustas e ponderadas que permitan o mantemento da actividade do sector en augas comunitarias.
A titular de Mar agradeceu á Universidade da Coruña a organización deste curso de verán, impulsado polo Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga en colaboración coa Cátedra Jean Monnet, e lembrou que esta é a única cátedra sobre Dereito do Mar existente en Galicia. Por iso, animou aos alumnos a aproveitar esta oportunidade e ampliar os seus coñecementos sobre o mundo do mar, a súa xestión ou o papel da UE e de Galicia no seu desenvolvemento.
A acción formativa impulsada pola UDC está cofinanciada pola Comisión Europea e a Autoridade Portuaria da Coruña -onde se imparte o curso- e está dirixida ao alumnado de grao, mestrado ou programas de doutoramento de universidades españolas ou estranxeiras así como a membros da sociedade civil. Nela abordaranse asuntos como a conservación do medio mariño, o uso responsable dos recursos, o Dereito Marítimo, o patrimonio cultural subacuático ou a piratería, entre outros moitos.
Nas xornadas formativas, que se celebran entre hoxe e o venres, os participantes recibirán clases maxistrais de distintos expertos do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Cátedra Jean Monnet, de representantes do sector pesqueiro e tamén da Consellería do Mar ou da Federación Internacional do Transporte. A clausura do curso acollerá unha conferencia do exconselleiro de Pesca da Xunta de Galicia, Enrique López Veiga