A Xunta destaca no Grove que o obradoiro a Lanzada IV permitiu a 20 persoas o acceso a un emprego e a formación en cociña e servizos de restauración
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura desta iniciativa que a Xunta apoiou cunha achega próxima aos 350.000 euros
Destacou a colaboración dos concellos con este programa dual que combina os intereses das persoas sen emprego que reciben formación e un emprego cos intereses colectivos, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social
Na convocatoria deste ano dos obradoiros duais de emprego que está a piques de resolverse, a Xunta aumentou o orzamento nun 20%, ata os 42,1 millóns, e incrementou desde os 9 ata os 12 meses a formación e contrato laboral
O Grove (Pontevedra), 8 de xullo de 2021
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego Proxecto A Lanzada IV, no que 20 persoas sen emprego, a través dun investimento próximo aos 350.000 euros, recibiron ao longo de nove meses o acceso a un contrato de traballo e formación nas especialidades de operacións básicas de cociña e servizos de restauración. Os alumnos tiveron, ademais, a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos en cociña a poboación en risco de exclusión social e a través da preparación de almorzos saudables aos cativos dos centros escolares da localidade arousá.
En palabras de Lado, os obradoiros de emprego constitúen “unha ponte idónea” para a inserción no mercado de traballo e contan “cun dobre atractivo”, ao permitir a formación do alumnado e unha oportunidade laboral, dunha banda; e a ampliación dos servizos e prestacións municipais, doutro lado. A directora xeral definiu aos obradoiros como un modelo dual que combina os intereses das persoas sen emprego cos colectivos, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social.
Lado, así mesmo, sinalou a importancia da formación para o emprego, xa que, ademais de xerar confianza e seguridade á hora de buscar un traballo, proporciona unha aprendizaxe continua nun contexto laboral en permanente evolución. “O reto do Goberno galego é poñer ao alcance das persoas sen emprego e ocupadas unha formación innovadora e os mellores recursos e impulsar unha formación especializada e eficaz que facilite o acceso ao mercado de traballo”, apuntou.
A Xunta, neste eido, continúa apostando polos obradoiros duais de emprego. “Confírmanse como un dos mellores e máis efectivos instrumentos para a mellora da empregabilidade das persoas que participan neles”, subliñou.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por iso, incrementou este ano o orzamento destinado a esta iniciativa, unha orde de axudas que está a piques de resolverse e que conta cun investimento de 42,1 millóns de euros, un 20% máis que na convocatoria anterior. Na próxima edición de obradoiros, ademais, a duración aumenta, pasando dos nove meses actuais aos 12 meses nos que se ofrecerá formación e un contrato laboral aos seus participantes.