As axudas da Xunta ao impulso do emprego estable para persoas desempregadas en pequenas empresas de nova creación poden solicitarse ata o 1 de agosto

O Goberno galego destina este ano 1,5M€ á creación de emprego e á súa consolidación en pequenas empresas de recente creación

As firmas beneficiarias poden acadar apoios máximos de ata 24.000 euros

As axudas van dos 2.000 ata os 9.000 euros por posto creado, ata un máximo de dez

A orde prevé ademais axudas para a conciliación de ata 3.000 euros cos que sufragar servizos de coidado, de ata 3.000 euros para formación, e máximas de 9.000 euros para sufragar os gastos de inicio de actividade

A orde da prioridade á contratación de persoas desempregadas de larga duración, con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros colectivos
 

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022

A Xunta mantén aberto ata o próximo 1 de agosto o prazo de solicitude das axudas que con 1,5M€ incentivarán a creación de emprego e a súa consolidación en pequenas empresas de nova creación co obxectivo de xerar postos estables para persoas desempregadas -principalmente mulleres, persoas con discapacidade e en risco de exclusión social- apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na comunidade, con especial atención aos concellos do rural galego.

Poden ser beneficiarias destas axudas, empresas privadas de calquera forma xurídica (agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais) que cumpran coas seguintes condicións: ser firmas de nova creación; viables técnica, económica e financeiramente; que xeren emprego estable para persoas desempregadas; que teñan domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo en Galicia; que estean promovidas, como máximo, por cinco persoas (entre os socios ou as socias promotoras non poden figurar persoas xurídicas); cun capital social máximo de 120.202 euros; e nas que polo menos o 50 % do capital social sexa de titularidade dos promotores, que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo.

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe tanto apoios á xeración de emprego estable como para formación, inicio da actividade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

En canto á xeración de emprego estable, a orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 21 de febreiro, establece apoios de 2.000 ata 9.000 euros por posto de traballo creado ata un máximo de 10. A intensidade da axuda será maior no caso de que as persoas incorporadas sexan desempregadas de longa duración, teñan discapacidade ou se atopen en risco de exclusión social. Aportarase un 25% extra de se tratar de mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados, persoas trans ou que a empresa se atope nun emprazamento rural. 

Para impulsar a formación, prevese financiar ata o 75% do custo do programa ata un máximo de 3.000 euros por empresa.

No caso dos gastos do inicio da actividade inclúense axudas de 2.000 a 9.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de 10; mentres que para apoiar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras establécese ata un máximo de 3.000 euros para sufragar o custo das escolas infantís ou servizos de coidado de maiores ou dependentes.

Todas estas axudas son complementarias entre si, polo que a contía máxima por empresa beneficiaria pode acadar os 24.000 euros como máximo.  

Este programa de axudas compleméntase cos apoios ás iniciativas de base tecnolóxica que no marco da mesma orde, contan cun orzamento de 500.000 euros para impulsar o desenvolvemento destes proxectos. Neste caso, o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro e poden optar aos pagamentos empresas privadas, incluídos os autónomos, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial fora cualificado como IEBT.

 

Con estes dous programas, o Goberno galego aspira a apoiar a unhas 350 empresas e persoas traballadoras autónomas.

 

A consolidación dun emprego de calidade, estable e que insira na empresa os valores da conciliación laboral e da formación continua son eixos fundamentais no desenvolvemento  das políticas activas de emprego da Xunta, que presta especial atención a colectivos con maiores dificultades de inserción e ás necesidades que demanda o mercado laboral. 

Imaxes relacionadas