Lorenzana pon en valor o Plan Emprega Xuventude que contén cinco programas específicos para a mocidade, en execución ao 100% e dotados con 51,8 M€ para 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que as mozas e mozos son un colectivo prioritario nas políticas activas de emprego da Xunta

Sinalou que o Goberno galego estima que unhas 2.000 persoas novas poidan beneficiarse dos apoios das cinco actuacións que contempla Emprega Xuventude

 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022
 
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia as políticas da súa área destinadas á mocidade para favorecer o emprego de calidade entre este colectivo. Sinalou que, ademais de ser un colectivo prioritario nas políticas activas de emprego da Xunta, os máis novos teñen a súa disposición os programas do Plan Emprega Xuventude con cinco iniciativas específicas para eles (tres de nova creación e dúas históricas) que están en execución ao 100% e contan cun orzamento de 51,8 millóns de euros só para 2022. 

Con respecto aos programas en activo do Plan marco, detallou un por un as súas características principais. Trátase das tres novas iniciativas Investigo, Primeira Experiencia Profesional nas Administracións Públicas e Talento 30; e os históricos obradoiros de emprego para persoas mozas e Galicia Emprega centrado na formación e contratación nas empresas.

O programa Investigo, xa resolto, beneficia na actualidade a 419 mozas e mozos a través dun investimento de máis de 13 millóns de euros. A actuación persegue xerar emprego xuvenil nos eidos da investigación, a tecnoloxía e a innovación a través da contratación de persoas mozas, de 16 a 30 anos, por organismos de investigación, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado e entidades privadas sen ánimo de lucro, xunto con empresas que estean a apostar pola investigación e a innovación pertencentes ao sector público ou privado.
 
Primeira Experiencia Profesional nas Administracións Públicas, con máis de 11 millóns de euros de orzamento, tamén é unha convocatoria que xa rematou e da que se están a beneficiar 367 persoas novas desempregadas cunha etapa formativa completada e acreditada. O obxectivo é proporcionar primeiras experiencias no emprego no seo dos servizos prestados polas entidades do sector público autonómico.
 
As axudas do Talento 30 aínda se poden solicitar, ata o próximo 30 de setembro. Este programa facilitará un período de práctica profesional acompañado dun proceso de formación para o emprego aos menores de 30 anos, facilitando, deste xeito, a súa inserción no mercado de traballo, ao tempo que se lles dota de competencias que lles servirán ao longo da súa vida laboral. Esta actuación conta con dúas liñas de apoios: Talento 30 en prácticas, para contratos subscritos a persoas con titulación ou certificación profesional; e Talento 30 Formación en alternancia para brindar unha oportunidade ás rapazas e rapaces que carezan de cualificación profesional recoñecida.
 
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou a esta convocatoria 12 millóns de euros, pero poderá chegar ata os 22 millóns de euros para atender á totalidade das solicitudes que se rexistren. A Xunta estima financiar unha media de entre 600 e 900 contratos.

Obradoiros e Galicia Emprega

Con respecto aos obradoiros de emprego para a mocidade, Lorenzana detallou que son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade incrementar as oportunidades laborais das persoas que participan neles mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social. Así, os mozos e mozas acceden a formación e un contrato laboral a través dos obradoiros que contan con 3,5 millóns de euros na convocatoria en marcha. En total estanse a desenvolver 19 programas nos que toman parte 303 alumnas e alumnos.

A conselleira, para rematar a súa intervención referiuse ao programa Galicia Emprega, cuxas axudas tamén se poden solicitar ata o próximo 30 de setembro. Inclúense nesta actuación incentivos á contratación para menores de 30 anos en situación de desemprego para promover a súa inserción na empresa. Conta con dous millóns de euros de investimento e ata o de agora beneficia a 271 persoas.

“Levamos a cabo todos estes programas co propósito de conseguir unha sociedade xusta e inclusiva cos máis novos e próspera e chea de oportunidades”, concluíu.

Imaxes relacionadas