A Xunta inicia o asfaltado do acceso provisional a Folgoso do Courel, que abrirá ao tráfico en dúas semanas

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou as obras da nova vía, de 740 metros de lonxitude e cun investimento autonómico de máis de 900.000 euros de investimento

Remarca a axilidade da Xunta na execución desta solución provisional, rápida e segura, que foi proxectada, licitada e executada en tempo récord

Lembrou que, de xeito paralelo, se está avanzando nos traballos para definir a solución definitiva ao desprendemento da estrada LU-651 na zona de Santa Eufemia

 

Folgoso do Courel (Lugo), 14 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciaros traballos de asfaltado da nova vía que dará acceso provisional a Folgoso do Courel como alternativa ao treito cortado da estrada LU-651, e que se abrirá ao tráfico en dúas semanas.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou esta mañá a marcha das obras xunto coa alcaldesa, Lola Castro, e sinalou que se mantén a previsión de poñela en servizona última semana deste mes.

 

O Goberno galego está a investir 917.000 euros na construción desta vía provisional, que ten unha lonxitude de 740 metros e facilitará a circulación entre Folgoso e Quiroga. Actualmente o tráfico está desviado pola estrada provincial que pasa pola Campa e Vidallón pero non ofrece a suficiente funcionalidade, en especial para os vehículos pesados.

 

Paralelamente, a Consellería está a avanzar nos traballos para definir a mellor alternativa para a restitución definitiva do treito da LU-651 que permanece cortado ao tráfico desde o pasado 20 de marzo, por mor do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18 na zona de Santa Eufemia.

 

Ao respecto, Arias subliñou “a rapidez coa que actuou a Xunta para achegar unha resposta rápida e segura que resolvera canto antes os problemas de conexión de Folgoso, mentres se traballa na solución definitiva”.

 

Creo -afirmou- que ante a demagoxia doutras administracións, a Xunta de Galicia púxose a traballar, como sempre, desde o primeiro día, pensando as mellores solucións técnicas e executándoas en tempo récord, elaborando o proxecto, contratando e realizando a obra a través da declaración de emerxencia. Sempre coa vista posta en solucionar os problemas dos veciños de Folgoso e ter unha solución para o verán porque é a época de maior afluencia de turistas á zona”.

 

Nese sentido, Arias solicitou á Deputación Provincial que tome nota e esixa do Goberno do Estado a mesma implicación e eficacia para resolver o problema no viaduto da A-6 en Pedrafita, “e que se ocupe tamén de mellorar as súas propias estradas, porque resultarían máis útiles ante continxencias como as que nos ocupan”.

Imaxes relacionadas