Máis da metade dos alumnos do obradoiro dual de emprego Carballo Coida acceden a un traballo en empresas da contorna
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura desta iniciativa que a Xunta apoiou cunha achega próxima aos 350.000 euros
Un total de 20 persoas sen emprego formáronse en atención sociosanitaria a persoas dependentes e accederon a un contrato laboral durante nove meses
Ao remate do obradoiro, once participantes atoparon un traballo en empresas da contorna grazas aos incentivos á contratación que inclúe este programa autonómico
Lado destacou a colaboración dos concellos con este programa dual que combina os intereses das persoas sen emprego que reciben formación e un emprego cos intereses colectivos, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe en Carballo na clausura do obradoiro dual de emprego Carballo Coida, no que 20 persoas sen emprego, a través dun investimento próximo aos 350.000 euros, recibiron ao longo de nove meses o acceso a un contrato de traballo e formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes. Os alumnos tiveron, ademais, a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos no centro de día para persoas maiores da Xunta; no centro de día Fogar de Bergantiños, xestionado por Cáritas Interparroquial; e entre os usuarios da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (Afaber); a Asociación de Padres de Persoas con Discapacidade Psíquica de Bergantiños (Aspaber); e a Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
Ao remate do obradoiro, un total de 11 alumnos e alumnas atoparon un traballo nunha empresa da contorna, grazas aos incentivos á contratación que inclúe o programa autonómico.
En palabras de Lado, os obradoiros de emprego constitúen “unha ponte idónea” para a inserción no mercado de traballo e contan “cun dobre atractivo”, ao permitir a formación do alumnado e unha oportunidade laboral, dunha banda; e a ampliación dos servizos e prestacións municipais, doutro lado. A directora xeral definiu aos obradoiros como un modelo dual que combina os intereses das persoas sen emprego cos colectivos, xa que os alumnos realizan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública e social.
Lado, así mesmo, sinalou a importancia da formación para o emprego, xa que, ademais de xerar confianza e seguridade á hora de buscar un traballo, proporciona unha aprendizaxe continua nun contexto laboral en permanente evolución. “O reto do Goberno galego é poñer ao alcance das persoas sen emprego e ocupadas unha formación innovadora e os mellores recursos e impulsar unha formación especializada e eficaz que facilite o acceso ao mercado de traballo”, apuntou.
A Xunta, neste eido, continúa apostando polos obradoiros duais de emprego. “Confírmanse como un dos mellores e máis efectivos instrumentos para a mellora da empregabilidade das persoas que participan neles”, subliñou.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por iso, incrementou este ano o orzamento destinado a esta iniciativa, unha orde de axudas que está a piques de resolverse. Na próxima edición de obradoiros, ademais de incrementarse o orzamento nun 20%, a duración aumenta, pasando dos nove meses actuais aos 12 meses nos que se ofrecerá formación e un contrato laboral aos seus participantes.