Trenor clausura o obradoiro de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior coa entrega dos diplomas aos 20 alumnos participantes
O delegado da Xunta destacou que na área da Coruña se impartiron 11 obradoiros nos que se cualificou a 212 desempregados en ámbitos con gran demanda de emprego
O representante do Goberno galego subliñou que os obradoiros son unha medida de mellora da empregabilidade porque proporcionan os coñecementos necesarios e experiencia laboral en actividades con boas perspectivas de inserción
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, na clausura do obradoiro de emprego de Actividades de Conservación e Mellora Forestal 2021 compartido entre Aranga, Irixoa, Monfero e Viarmaior. Este programa contou cun apoio da Xunta de 346.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Trenor destacou que os obradoiros son unha medida de mellora da empregabilidade porque proporcionan os coñecementos necesarios e experiencia laboral en actividades con boas perspectivas de inserción, ao tempo que realizan obras e servizos de interese para a comunidade. Estes cursos de formación céntranse tamén en áreas con alta demanda de emprego nas empresas da contorna, neste caso concreto en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes.
Trenor destacou o compromiso dos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Viarmaior coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de cualificación que afrontan.
O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.
Trenor destacou que na comarca do Coruña estanse a desenvolver 11 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 1,1 millóns de euros para mellorar a formación de 212 desempregados.
Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 163 cursos nesta área e cun investimento de máis de 6,1 millóns de euros para formar a 2.445 alumnos e os sete PIE, (Plans Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 desempregados cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros
Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca da Coruña 11 millóns de euros, en 180 programas de formación para axudar a máis de 3.350 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun emprego cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.