Ángeles Vázquez participou hoxe na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente

Galicia lamenta a aprobación da estratexia nacional do lobo co voto en contra das comunidades que albergan preto do 93% das manadas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incide en que a nosa Comunidade non pode votar a favor dun documento que vai en contra da poboación rural galega, especificamente da que se dedica á gandería extensiva
 

Sinala que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico non tivo en conta as principais alegacións remitidas pola Xunta
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Galicia lamenta a aprobación da Estratexia para a conservación e xestión do lobo e a súa convivencia coas actividades do medio rural co voto en contra das comunidades autónomas que albergan preto do 93% das manadas, tal e como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, logo de participar na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente.

 

A conselleira incidiu en que Galicia non pode votar a favor dun documento que vai en contra da poboación rural galega, especificamente da que se dedica á gandería extensiva, e que, ademais, non aporta a seguridade xurídica suficiente para a xestión da especie.

 

Cómpre lembrar que a elaboración desta estratexia parte de vitais carencias de base, como son a falta dun censo nacional previo actualizado -revisión na que Galicia xa está a traballar desde o ano pasado- e a imprescindible avaliación dos resultados da estratexia anterior.

 

A maiores, Ángeles Vázquez lamentou a falta de consenso e unilateridade por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. De feito, esta estratexia non só sae adiante co apoio de comunidades nas que a presencia de lobo é moi testemuñal, senón que, ademais, non foron tidas en conta as principais alegacións que a Xunta remitiu ao Goberno central coa “máxima lealdade institucional”, aseverou a conselleira.

 

Finalmente, no que respecta ao protocolo de control da especie, a Xunta insiste en que debe ter sustento nunha norma de carácter xurídico e nunca configurarse como un anexo da estratexia, tal e como acontece neste momento. No caso dos criterios de reparto dos fondos estatais, o Goberno galego considera que a estratexia non é a ferramenta adecuada para recollelos, posto que calquera cambio que se poida producir suporía unha modificación de todo o documento.

Imaxes relacionadas