A Xunta promove a adquisición de novas competencias e experiencia dos mozos de Galicia a través do programa de prácticas formativas na UE
A convocatoria publicouse hoxe no DOG e conta cun financiamento de 550000€
Ofrece unha axuda de ata 1600€ ao mes para a realización de prácticas nunha em-presa escollida por cada participante en calquera país da Unión Europea
Esta edición, a primeira tras a suspensión da iniciativa por mor da pandemia, incor-pora ademais a figura dos embaixadores Galeuropa, antigos beneficiarios que reali-zarán labores de asesoramento
A Xunta de Galicia promove a adquisición de novas competencias, experiencia e fomento da empregabilidade da xente nova a través do programa de axudas Galeuropa, que permite a realización de prácticas formativas nun país da Unión Europea. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta iniciativa e a súa convocatoria para o 2022, cuxo prazo de solicitude rematará o 30 de setembro.
O programa conta cun investimento de 550.000€, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80%, e está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 29 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX). A través da súa posta en marcha financiase unha estadía de prácticas de, como mínimo, dous meses, nun país da Unión Europea, na empresa escollida por cada beneficiario. Para isto, o Goberno galego achegará ata 1600€ ao mes a cada participante para os seus gastos cotiás, ademais dunha axuda para competencias lingüísticas antes e durante a estadía. Cómpre destacar que as contías das subvencións varían en función do país de destino e duración da estancia.
Con esta iniciativa, que volve despois da pandemia, a Xunta de Galicia impulsa as posibilidades de inserción laboral da xente nova. Neste sentido, os participantes adquirirán e mellorarán habilidades, tanto as relacionadas co sector das prácticas como as transversais, grazas á súa estadía no estranxeiro e á convivencia coa cultura do seu país de acollida. O programa, ademais, dará prioridade a colectivos con especiais dificultades como o das vítimas de violencia de xénero, o das persoas con discapacidade ou o das persoas en risco de exclusión social.
Embaixadores Galeuropa
Os interesados poderán obter toda a información sobre o programa na sección correspondente da web de Xuventude, e consultar todas as súas dúbidas por teléfono, correo electrónico ou a través da nova Oficina Virtual de Asesoramento. A través destas vías poderán obter tamén o contacto dalgún dos embaixadores Galeuropa, participantes en edicións anteriores do programa que a partir deste ano poderán realizar labores de asesoramento e apoio previo aos mozos que queiran tramitar esta axuda se así o solicitan.