A Xunta financia este ano con 6,8 M€ a contratación de 268 orientadores laborais en 94 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia cunha contía máxima de 26.000 euros cada técnico contratado a tempo completo e con 29.000 euros se a entidade sen ánimo de lucro á que se incorpore traballa coa discapacidade


Estes profesionais atenden as necesidades das persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego


Desde 2009, estas axudas permitiron desenvolver 3.500 contratos a orientadores

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

A Xunta financia este ano cun investimento de 6,8 millóns de euros a contratación e mantemento de 268 orientadores laborais en 94 concellos e 40 entidades sen ánimo de lucro e confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que permiten, polo tanto, crear ou manter máis de 260 empregos na comunidade galega.

 

Os contratos teñen unha duración dun ano financiándose estes postos cunha contía máxima de 26.000 euros por cada técnico en orientación laboral incorporado a tempo completo e con 29.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención á discapacidade. Estas contías incrementáronse este ano en 1.000 euros en relación coa convocatoria anterior. 

 

Os orientadores prestan asistencia para o autoemprego e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Así, entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego; ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

 

A mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Xunta. Desde o ano 2009, grazas a esta convocatoria concedéronse axudas para a celebración de 3.500 contratos de persoal técnico de orientación laboral por parte dos concellos e as entidades empresariais e sindicais.

Imaxes relacionadas