O PAC da Laracha, paradigma das edificacións que promoven sostenibilidade

Coincidindo co Día Mundial da Construción Sostible, o edificio do PAC do concello coruñés é recoñecido pola súa sustentabilidade integral, na que destaca a súa funcionalidade e un consumo enerxético case nulo, 100% renovable
 

O compromiso do Servizo Galego de Saúde con modelos sanitarios medioambientalmente responsables, ponse de manifesto en múltiples iniciativas, e como socio oficial da New European Bauhaus, o proxecto europeo que promove un futuro máis verde e respectuoso co medio natural
 

Entidades como o Clúster da Saúde de Galicia, o Clúster da Madeira e Deseño de Galicia ou a Axencia Galega da Industria Forestal participan e avalan este recoñemento
 

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022

  A Xunta de Galicia destaca o Punto de Atención Continuada da Laracha como paradigma de edificación sostible e respectuosa co medio ambiente, dentro dos actos conmemorativos vencellados ao Día Mundial da Construción Sostible.

Na procura de acadar unha Galicia máis sostible e máis inclusiva, a Xunta recoñece a singularidade deste centro sanitario coruñés, onde o espírito de circularidade abrangue de xeito transversal toda a súa estrutura. Así o apuntou a presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, Rocío Mosquera; nun acto no que tamén participaron entidades que avalan este recoñecemento e ao que asistiron o presidente do Clúster da Madeiro e Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias; o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e o alcalde da Laracha, José Manuel López.

A infraestrutura sanitaria da Laracha, proxectada polas arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Uzande, deu lugar a un centro de saúde sostible que mellora a calidade de vida das persoas que o habitan, tanto no caso dos seus profesionais sanitarios, como no caso dos seus usuarios. Neste senso, integra os seus espazos conectándoos a través da natureza, ao tempo que organiza o seu espazo circundante, e promove a cohesión social.

Entre as súas características, cómpre destacar que o seu consumo enerxético é practicamente nulo e 100% renovable; ademais, a súa construción esta baseada na biofilia, ao dispór dun deseño que vai máis aló da funcionalidade.

O seu espírito de circularidade, e un exemplo do factor multiplicador co que actúa a madeira nos novos proxectos no sector público galego. Así, promove a implantación progresiva do deseño biofílico e do uso de materiais naturais -especialmente da madeira-, nos lugares públicos que sexan visitados por miles de persoas ao longo do día.

Nesta liña, o Servizo Galego de Saúde ten posto en marcha diferentes proxectos nos que incide nestes obxectivos, como é o caso dos centros de saúde do Porriño, Abegondo, Antas de Ulla, ou o centro de saúde Novoa Santos.

Ademais, o departamento sanitario da Xunta tamén forma parte dos programas europeos: ‘Life Resystal’, que sentará as bases dunha estratexia europea para a adaptación climática do sector sanitario europeo; ou o proxecto ‘Race to Zero’ das Nacións Unidas, que busca reducir en diez años as emisións de carbono un 60% en todas as súas instalacións sanitarias.

Un modelo propio da New European Bauhaus

O PAC da Laracha serve de modelo de inspiración para a New European Bauhaus, o programa europeo do que forma parte o Servizo Galego de Saúde desde o ano 2021, e que promove un futuro máis sostible, resiliente e saudable.

A New European Bauhaus é unha acción interdisciplinaria da Comisión Europea, que abre un espazo de encontro para deseñar futuras maneiras de vivir, e que abrangue a arte, a cultura, a inclusión social, a ciencia e a tecnoloxía.

Con anterioridade a este programa, e desde hai xa máis de 10 anos, o Sergas está inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario máis sostible e resiliente. Así, está a marcar un camiño cara novos espazos sanitarios, que se basean precisamente, neses tres piares: a sustentabilidade, a estética e a inclusión.

O deseño do PAC da Laracha contribúe a potenciar o contacto coa natureza dos seus traballadores e usuarios, unha conxuntura que incide no benestar físico e psíquico das persoas; do mesmo xeito que acontece, grazas ao emprego de materiais naturais, como a madeira, na redución de estrés.

Imaxes relacionadas