A Xunta apoiará en 2023 a uns 25.000 profesionais autónomos no pagamento das súas facturas con 30M€ en axudas directas para facer fronte á inflación
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en San Cibrao das Viñas a asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor) de Galicia
Explicou que unhas das prioridades da nova axenda de emprego, Xempre Contigo, é impulsar o emprendemento no territorio e as políticas de apoio aos autónomos e á economía social
Situar as capacidades das persoas no centro da axenda política para crear unha contorna de aprendizaxe permanente é outro dos retos da Xunta a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, tamén no marco de Xempre Contigo
Lorenzana sinalou a importancia de visibilizar o papel da muller no sector do transporte facendo fincapé no labor do Goberno galego no impulso da igualdade de oportunidades
San Cibrao das Viñas (Ourense), 8 de outubro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe na asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor) de Galicia, celebrada en San Cibrao das Viñas, que a Xunta destinará nos orzamentos de 2023 un total de 30 millóns de euros para axudas directas a uns 25.000 profesionais autónomos coa finalidade de que poidan facer fronte a incrementos das súas facturas. O obxectivo do novo programa Impacto Autónomo é que as persoas traballadoras autónomas poidan facer fronte á inflación e evitar que se poña en risco a viabilidade dos seus negocios.
Na clausura da xuntanza dunha das organizacións máis representativas en Galicia do transporte de mercancías para pemes e autónomos, Lorenzana explicou que esta nova liña de axudas que se vai impulsar en 2023 para as persoas autónomas se enmarca na nova estratexia de emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, que busca, entre outros, impulsar o emprendemento no territorio e as políticas de apoio aos autónomos e á economía social.
A nova planificación en materia de emprego autonómica tamén pretende situar as capacidades das persoas no centro da axenda política a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. “O obxectivo non é outro máis que mobilizar recursos públicos e privados para crear unha contorna de aprendizaxe permanente que nos permita casar oferta e demanda”, apuntou. Apetamcor, de feito, forma parte desta Axenda de Capacidades na que tamén se enmarca a renovación do Plan autonómico de formación para o emprego das persoas ocupadas e desempregadas. “Apostamos por un incremento histórico do orzamento, por un novo campus virtual e polo deseño e posta en marcha de novas accións formativas”, engadiu a conselleira.
A titular de Emprego e Igualdade referiuse tamén á renovación do Servizo de Emprego de Galicia, un reto no que traballa a Xunta e tamén forma parte de Xempre Contigo. Para iso, a Xunta está a utilizar unha ferramenta tecnolóxica que opera en tempo real no mercado laboral coa adhesión a este sistema de empresas referentes en Galicia. “Na Xunta apostamos pola sinerxía entre a colaboración pública e privada e tamén por crear postos de traballo de calidade, adaptados ás necesidades e capacidades das persoas e sen deixar de lado o benestar laboral”, apuntou.
Lorenzana, por último, sinalou a importancia de visibilizar o papel da muller no sector do transporte facendo fincapé no labor do Goberno galego no impulso da igualdade de oportunidades a través da nova Lei de igualdade entre mulleres e homes, que está na actualidade en tramitación. “Queremos facilitar oportunidades laborais que promovan a independencia económica das mulleres, apostando polo talento feminino en ámbitos masculinazos e impulsando a corresponsabilidade no coidado das fillas e dos fillos e das tarefas do fogar”, afirmou. Para rematar, destacou que a Xunta traballa para garantir “unha Galicia máis equitativa, máis xusta e máis próspera en igualdade de condicións”.