O presidente da Xunta reuniuse coas directivas das entidades galegas na Arxentina
Convídaos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece o Goberno galego para formarse, emprender ou asentarse na terra dos seus avós
Recalca que A Arxentina é “o país do mundo con máis galegos”, xa que residen unhas 180.000 persoas con raíces na Comunidade
No segundo día da súa estadía na capital bonaerense, inaugura a exposición Iacobus gaudet. Los Caminos de Santiago en Galicia, e asiste ao inicio da Semana do Camiño en Buenos Aires
Buenos Aires (A Arxentina), 15 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu aos galegos do exterior que teñen as portas abertas para retornar e emprender na terra das súas orixes, unha oferta que reiterou nun encontro coas directivas das entidades galegas na Arxentina coas que compartiu velada na súa viaxe oficial a Suramérica.
Alfonso Rueda recalcou que a Arxentina “é o país do mundo con máis galegos”, xa que residen alí unhas 180.000 persoas con raíces na Comunidade. Por iso, indicou que entendía a cidade de Buenos Aires “como unha continuidade de Galicia”, tendo en conta os 41 centros galegos dedicados á difusión cultural na Arxentina.
O presidente da Xunta reencontrouse coas entidades galegas na Arxentina nun acto celebrado na sede da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, onde chegou con dúas mensaxes dos galegos: unha de “agarimo” polo labor que fixeron no desenvolvemento de Galicia, e outra de “apoio” en relación ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para axudar ás familias da emigración en todo o que precisen.
Nese sentido, animou a emprender o retorno a todos aqueles que desexen construír unha nova experiencia vital na terra das súas raíces facendo uso das oportunidades habilitadas polo Goberno galego, ben para formarse -coas bolsas Beme para estudar un mestrado ou as Bolsas Mocidade FP-, para emprender -con incentivos para a apertura dun negocio- ou para asentarse -con axudas mesmo para abonar un alugueiro-.
Alfonso Rueda agradeceu o labor dos colectivos que perante décadas miraron polo futuro da terra da que partiron e que agora tamén coidan das familias procedentes de Galicia que máis o precisan na Arxentina, cunha mención especial á entidade anfitrioa, a Asociación Benéfica Cultural Partido del Corcubión, presidida por Carlos Ameijeiras, que cumpriu cen anos de actividade no mes de agosto.
O Xacobeo na Arxentina
Na súa estadía en Buenos Aires, Rueda tamén asistiu á inauguración da exposición Iacobus gaudet. Los Caminos de Santiago en Galicia, e ao inicio das actividades da Semana do Camiño en Buenos Aires.
A mostra consta de 46 fotografías, carteis e un audiovisual do fotógrafo Manuel Valcárcel, e polo que respecta á semana de actividades co Camiño como eixo, consta dun ciclo de cine a conversas sobre o fenómeno do Xacobeo.