Os Orzamentos de 2023 da Xunta contarán con máis de 9.000 M€ para gasto social, o máis alto da historia de Galicia

A Xunta reforzará unha vez máis o gasto social tradicional e as políticas de fomento do emprego, tal e como leva facendo exercicio tras exercicio nos últimos anos

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2022

 

Os Orzamentos de 2023 contarán con máis de 9.000 millóns de euros para gasto social, que será o máis alto da historia de Galicia. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos nunha entrevista en Radio Nacional de España (RNE).

Así, a Xunta reforzará un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego tal e como leva facendo exercicio tras exercicio nos últimos anos.

O titular de Facenda e Administración Pública tamén lembrou que ademais, as contas do vindeiro ano tamén incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5% máis que no presente exercicio.

Neste sentido, Miguel Corgos explicou que o obxectivo da Xunta vai nunha dobre dirección “de apoio aos que máis están sufrindo a subida de prezos -as familias de rendas medias e baixas- e de dinamización económica”.

Política fiscal

En materia de política fiscal, o conselleiro explicou que o Goberno galego leva unha senda de máis de dez anos “rebaixando pouco a pouco, e cando as circunstancias o permiten, os impostos ás galegas e galegos”.

Por iso, os orzamentos do vindeiro ano inclúen novas rebaixas de impostos para axudar ás familias a facer fronte á alza dos prezos, especialmente ás de rendas máis modestas. Por un lado recollen a deflactación do tramo autonómico do IRPF con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 e por outro, a rebaixa do 1º tramo autonómico do IRPF do 9,4 ao 9%.

Esta é a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos para favorecer as rendas medias e baixas, polo que os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476€ en relación co que pagaban en 2009.

Imaxes relacionadas