A Xunta destinará ata 2024 máis de 7 M€ a loitar contra a explotación sexual e apoiar as súas vítimas
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe na Coruña as XI Xornadas da Rede Galega contra a trata sexual
Puxo en valor a recente aprobación do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 que incorpora medidas para a detección, identificación e protección das mulleres e nenas afectadas por esta lacra
A Coruña, 20 de outubro de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe as XI Xornadas da Rede galega contra a trata sexual onde afirmou o compromiso da Xunta na loita contra esta lacra e no apoio ás súas vítimas a través do recentemente aprobado I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 dotado con máis de 7 millóns de euros para o período.
“Coa aprobación do Plan galego queremos seguir avanzando de forma decidida a través de políticas activas neste ámbito”, especificou a secretaria xeral. “Unha sociedade verdadeiramente democrática e xusta non pode tolerar a persistencia da violencia sexual e das situacións de explotación que afondan as súas raíces nas desigualdades de toda índole”, engadiu.
O Plan aprobado pola Xunta de Galicia enmarcará ata 2024 as accións e políticas para a sensibilización en torno á trata con fins de explotación sexual, o consumo de prostitución e outras formas de explotación sexual; co obxectivo de favorecer a mellora dos procesos de detección, identificación e protección das vítimas, e a consolidación dos recursos de atención integral ás mulleres, nenas e nenos vítimas desta forma de explotación.
O documento foi resultado dun proceso de elaboración participativo, coas achegas das entidades da Rede Galega contra a Trata, que aportou o 61% das medidas. Entre outras iniciativas, recolle programas sociosanitarios innovadores para a atención á saúde mental das vítimas, apoio ás persoas menores no proceso de reunificación familiar ou o reforzo das políticas de emprego para a inserción laboral das mulleres.
“Temos o convencemento de que é posible avanzar no cambio social e de construír entre todas e todos unha sociedade na que a trata, a prostitución e todas as formas de explotación sexual sexan percibidas e consideradas como violencia”, destacou López Abella, quen lembrou que a prevalencia deste fenómeno é moi superior ao que se pode visibilizar nas estatísticas.