A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a libraría Central Librera, un dos establecementos xa adheridos á iniciativa

Martina Aneiros anima ás empresas a sumarse á segunda edición da campaña Bono Cultura que o pasado ano mobilizou máis de 100.000 euros na cidade

Os clientes poderán empezar a desfrutar dos descontos a partir do 2 de novembro

Os bonos terán un valor de 50 euros por usuario cos que sufragar o 50% do importe da compra ata esgotar o saldo

Ferrol, 20 de outubro de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Central Librera, para animar ás empresas e profesionais do sector cultural a adherirse á segunda edición da campaña do Bono Cultura da Xunta que os clientes poderán empezar a desfrutar a partir do 2 de novembro.

 

A delegada da Xunta salientou a boa acollida que tivo a pasada convocatoria, en referencia aos 14 establecementos adheridos na cidade que rexistraron un total de ventas máis de 108.000 euros, nun total de 1.226 operacións. “O obxectivo é seguir fomentando o consumo cultural e axudar ao sector e aos clientes a facer fronte ao difícil contexto económico actual”, sinalou a representante do Goberno galego.

 

Trátase dunha medida aberta a todos os galegos maiores de idade para a que a Xunta destina 1 millón de euros coa intención de mobilizar 2 millóns de euros e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 euros por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran na compra de produtos e servizos como libros, música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, salas de cine, concertos de música, espectáculos escénicos, entre outras. Terán un desconto do 50% en cada compra ata esgotar o crédito.

 

As empresas interesadas poden adherirse desde o pasado 15 de outubro e durante un mes a esta campaña a través da páxina web bonocultura.gal. Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións.... Tamén museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais. Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria.

 

Para os usuarios, a campaña dará comezo o próximo 2 de novembro, data a partir da que poderán proceder á descarga do bono a través da web bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR. O importe de cada compra reducirase nun 50% ata esgotar o saldo do bono. O período de validez dos bonos será ata o 31 de decembro.

Imaxes relacionadas