O conselleiro do Medio Rural clausurou a segunda edición do foro Galicia Etiqueta Calidade, organizado polo Goberno galego e que tivo lugar dende o mércores en Santiago

A Xunta impulsa a calidade na produción alimentaria galega mediante a súa promoción e protección

José González definiu a procura da calidade como “un camiño de longo percorrido” e sinalou ademais que “sen calidade na orixe, non contaríamos con calidade no fin”, algo que en Galicia existe cunha gastronomía e unhas producións alimentarias excepcionais


Puxo como mostras do compromiso da Xunta coa calidade as campañas de promoción dos produtos alimentarios -entre elas en especial a de Ternera Gallega Suprema, que vén de arrancar a nivel nacional- e a protección desa calidade “de principio a fin”


Puxo en valor a futura Lei da calidade alimentaria e a vixente norma de recuperación da terra agraria como pancas de impulso e crecemento para os sectores primarios
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

A Xunta impulsa a calidade na produción alimentaria a través de dous eixos fundamentais, como son a promoción e a protección. Así o explicou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura de Galicia Etiqueta Calidade, á que tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Este evento está centrado na posta en valor da calidade alimentaria da nosa comunidade e desenvolveuse durante os últimos tres días en Santiago.

 

Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural definiu a procura da calidade como “un camiño de longo percorrido”, sinalando ademais que “sen calidade na orixe, non contaríamos con calidade no fin”, algo que en Galicia existe, cunha gastronomía excelente, que se basea nunhas producións alimentarias tamén excepcionais, remarcou.

 

Neste sentido, José González lembrou que Galicia Calidade leva traballando “arreo e en profundidade” desde os anos 90 por promover esta liña de actuación, así como a Axencia Turismo de Galicia, en especial a través dos cada vez máis importantes Xacobeos. Do mesmo xeito, puxo tamén en valor o labor da Consellería do Mar, que -salientou- non só conta con Mexillón de Galicia ou con pescadeRías, senón tamén cunha infinidade de produción alimentaria dentro do seu sector, que “cada día está máis posicionada e mellor valorada”.

Campañas de promoción

Nesta mesma liña, canto á promoción, José González destacou a importancia de campañas como a propia de Galicia Etiqueta Calidade, campaña institucional da Xunta desenvolvida o pasado ano e dotada cun orzamento de 700.000 euros para divulgar a riqueza da despensa galega. Unha iniciativa que se presentou no marco da primeira edición deste evento. Ademais, o conselleiro lembrou que daquela tamén se avanzou que o selo Galicia Calidade terá unha sección específica sobre alimentación que se denominará Galicia Calidade Alimentaria e que englobará produtos con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción.

José González recordou, así mesmo, que na primeira edición deste foro Galicia Etiqueta Calidade se anunciaba xa a estratexia que debía seguir durante esta década a calidade alimentaria. Desde a propia entidade Galicia Calidade, traballando con todos os organismos da administración autonómica implicados, así como con todos os consellos reguladores, asociacións e organizacións do sector. Trátase, engadiu González, de priorizar toda a liña da calidade alimentaria de Galicia desde a conexión do produtor, do distribuidor e do cliente ata a internacionalización.

 

Neste sentido, e como unha mostra máis do compromiso coa calidade como liña estratéxica do seu departamento, o conselleiro salientou tamén a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema. Unha iniciativa que vén de presentarse -precisamente este mércores, neste mesmo evento sectorial- e que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros. Púxose en marcha, recordou González, en colaboración co consello regulador da IXP de carne de vacún e o seu obxectivo é tanto aumentar a sensibilización como o consumo deste produto de calidade, procedente de explotacións tradicionais con vacas nais e base territorial.

 

O segundo dos puntos destacados por José González foi o da protección das producións de calidade. Algo clave, dixo o conselleiro, porque “para asegurar a calidade que nos distingue en Galicia temos que protexer o noso”. Engadiu que a través dos selos de calidade diferenciada “protexemos o bo facer e, por suposto, o produto final”. Pero ademais, sinalou tamén González, esa certificación “permítenos protexer o produto na súa orixe, e con orixe refírome ao agricultor, á gandeira, ao produtor...”. Como conclusión desta argumentación, o titular de Medio Rural afirmou que “garantir a digna subsistencia do sector primario é garantir tamén a calidade, de principio a fin”.

 
Leis da calidade alimentaria e de recuperación da terra

Neste marco, o conselleiro trasladou que a aposta da Xunta pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación acada a súa máxima expresión na futura Lei da calidade alimentaria. Esta norma, aseverou, será a “panca” na que se asente a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico. E tamén mencionou a importancia doutra lei, a de recuperación da terra agraria, como a “caixa de ferramentas” necesaria para poñer en valor terras e seguir crecendo.

 

José González agradeceu a todos os participantes e asistentes a este evento de promoción da calidade e fixo votos porque nas eleccións dos consumidores se dea prioridade aos criterios que de verdade son prioritarios, é dicir, “á calidade do produto, ao benestar animal, á biodiversidade, ao medio ambiente e tamén á xestión sostible do territorio”.

 

Por último, o titular de Medio Rural resumiu e puxo en valor algunhas das conclusións das mesas de traballo celebradas no marco deste foro. Así, incidiu na necesidade, por parte da administración, de seguir nesta liña de promoción e tamén da concienciación en Galicia de que o noso produto é excelente e que o prezo debe reflectilo.

 

Ademais, avogou porque os hábitos saudables e as dietas relacionadas cos produtos de calidade teñan cada día máis relevancia e salientou que a sustentabilidade e a produción ecolóxica axudará a promover a produción galega. Por último, insistiu na necesidade de traballar todos xuntos neste ámbito, a administración, a distribución e a produción.

Imaxes relacionadas