A Xunta participa na presentación do primer Fórum Gastronómico dos Camiños

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación levada a cabo hoxe no concello de Lalín


Nava Castro puxo en valor a oportunidade que este evento brinda para seguir situando ao noso territorio como destino enogastronómico de primeiro nivel onde a calidade e a excelencia van da man
 

Lalín, 2 de novembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Lalín na presentación da I edición do “Fórum Gastronómico dos Camiños” xunto ao rexedor, José Crespo, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.

 

Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor a oportunidade que este evento brinda  para seguir situando ao noso territorio como destino enogastronómico de primeiro nivel onde a calidade e a excelencia van da man. A gastronomía é o segundo motivo polo que os visitantes acoden a Galicia, grazas á variedade e calidade, que se traduce en 15 establecementos que locen o recoñecemento da Estrela Michelin e 325 entidades con Q de calidade, das que 80 son establecementos de restauración.

 

“A nosa gastronomía enxálzase, pois, nestes establecementos de restauración, pero tamén no noso día a día e na multitude de eventos de exaltación de produtos alimentarios que forman parte da experiencia turística e que se converten nunha imprescindible aportación á conservación do patrimonio culinario de Galicia”, finalizou Castro.