A Xunta aproba 32 cursos de acción formativa para desempregados na cidade de Pontevedra cun investimento de case 1,7 M€

O delegado territorial, Luis López, informa desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade nunha visita ás instalacións de Consultora Monte Alto, que impartirá cinco cursos cunha achega de case 260.000€

As iniciativas AFD desenvolveranse ata o mes de maio en 11 entidades da capital provincial con ensinanzas lingüísticas, empresariais, financeiras, informáticas, de loxística, administrativas, de márketing ou deportivas, entre outras

“Tras a concesión de 23 obradoiros de emprego na provincia, a Xunta segue apostando pola formación e a inserción laboral e impulsa 327 cursos cun investimento de 16,3 millóns de euros”, explicou o representante autonómico
 

Pontevedra, 3 de novembro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, acaba de aprobar 32 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na cidade de Pontevedra cun investimento de preto de 1,7 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mañá nunha visita ás instalacións da Consultora Monte Alto, que é unha das entidades beneficiarias e que impartirá nos vindeiros meses cinco cursos de Competencias chave de nivel 3 para certificados de profesionalidade en lingua galega, Montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial, Operacións auxiliares de montaxe e instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións e Montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións grazas a unha achega autonómica de case 260.000 euros

“Tras a concesión de 23 obradoiros de emprego na provincia cun orzamento de máis de 11,2 millóns de euros, dende a Xunta seguimos apostando pola formación, pola empregabilidade e pola inserción laboral e por iso imos impulsar un total de 327 cursos AFD por toda a provincia cun novo investimento de 16,3 millóns de euros”, explicou o representante autonómico, que destacou o incremento dun 10% no orzamento deste formato para a mellora da empregabilidade.

As Accións Formativas para Desempregados están a comezar ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de maio, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas dependendo do contido.

En total serán 11 as entidades que impartirán os 32 cursos AFD na cidade de Pontevedra. As empresas, colectivos ou institucións encargados desta formación son Consultora Monte Alto, Cruz Vermella, Ara Negocio, Academia Postal 3 Vigo, Cenepo Consult, Magnafor Qualitas, APE Galicia, Cogami, Aselp Economistas, Dascalos e Servicio BeOne Campolongo.

Ampla oferta na comarca

No que respecta ao resto da comarca e a área de influencia da cidade de Pontevedra, a oferta de cursos AFD de formación para desempregados alcanza este ano os 34 cursos, que se distrbúen nos 9 de Marín, os 7 de Poio e Ponte Caldelas, os 4 de Barro, os 3 de Bueu e os 2 de Moraña e Cuntis cun investimento total de 1,86 millóns de euros.

Estas actividades serán impartidas, nestes casos, por ata nove entidades colaboradoras e homologadas, como son Cetmar, Adalid Servicios Corporativos, María José Santiago, Academia Postal, Concello de Cuntis, Quattro Formación, Forga, Aepo Poio e Autoescola Cíes.

“En total imos superar os 3,5 millóns de euros nesta área formativa para xente sen emprego na cidade de Pontevedra e a súa contorna, o que supón o investimento dun millón de euros máis que o ano pasado e unha oferta global de 66 cursos que cremos que dá cumprida resposta ao que nos pide a cidadanía, xa que a calidade e o grao de especialización dos AFD é moi elevada”, detallou Luis López.

En canto aos curso AFD que se impartirán nestas comarcas, a tipoloxía é moi variada e inclúe linguas estranxeiras, competencias clave en galego, operacións de redes departamentais, xestión de produción en fabricación mecánica, organización de transporte e distribución, operacións de sistemas informáticos, márketing, automatización industrial, infraestruturas de telecomunicacións, actividades auxiliares de almacén, asistencia documental e xestión de despachos, operacións auxiliares de servizos administrativos, mercadotecnia e compravenda internacional, financiamento de empresas e comercialización de produtos financeiros, acondicionamento físico, atención sociosanitaria, desenvolvemento web, soldadura, microempresas ou transporte sanitario, entre outros.

Imaxes relacionadas