A Xunta promociona os seus produtos de calidade na XXIII edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria vai desenvolver un amplo programa de actividades, entre as que se atopan un total de 14 obradoiros e degustacións de produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida ou de Indicación Xeográfica Protexida


Investiranse máis de 41 mil euros co fin de dar a coñecer estes produtos entre o sector profesional e os visitantes á mostra
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) participará na XXIII edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, onde promocionará os seus produtos con indicativo de calidade de Galicia. Así, nun contexto no que participan numerosos restaurantes e expositores destacados dentro do mundo gastronómico, investiranse máis de 41 mil euros co fin de dar a coñecer estes produtos entre o sector profesional e os visitantes á mostra.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural, a través de Agacal, vai desenvolver un amplo programa de actividades ao longo dos cinco días que dura o evento (do mércores 9 ao domingo 13 de novembro), entre as que se atopan un total de 14 obradoiros e degustacións de produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida ou de Indicación Xeográfica Protexida como o mel, a carne, os produtos ecolóxicos, o pan, ou os queixos, entre outros.

Tamén, os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia terán unha presencia destacada por medio dun túnel de degustación de 168 m2. Nel daranse a coñecer as marcas gañadoras do concurso oficial Catas de Galicia e outras propostas enolóxicas. Todo isto complétase cun posto institucional, onde Agacal exporá diferentes produtos galegos e ofrecerá información sobre eles aos asistentes, e un total de 14 empresas de produtos gastronómicos galegos que contarán cun posto como coexpositoras da Consellería.