O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a listaxe de asociacións beneficiadas da nova orde de axudas para a posta en marcha de iniciativas neste campo

A Xunta financia 500 actuacións de entidades sociais que traballan no eido da inclusión

Destínanse 7,1 millóns de euros a sufragar programas e servizos dun centenar de organizacións

Estas achegas económicas garanten o funcionamento diario de centros de inclusión e emerxencia social como albergues ou comedores sociais, entre outros

Ao abeiro desta convocatoria, tamén se dedican fondos a programas formativos e de acceso ao mercado laboral de persoas en situación ou risco de exclusión

As intervencións subvencionadas abranguen desde o pasado día 1 de xullo ata o 30 de abril de 2023

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a relación de entidades sociais beneficiadas coa nova orde de axudas para a posta en marcha de programas e iniciativas no ámbito da inclusión. En total son 98 asociacións as que recibirán achegas económicas ao abeiro desta convocatoria, as cales suman no seu conxunto 7,1 millóns de euros e coas que se sufragarán un total de 500 actuacións.

 

A través destas subvencións, o Goberno galego garantirá o financiamento básico de centros de inclusión e de emerxencia social da Comunidade Autónoma, entre outros: albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou equipamentos sociais de atención continuada. Ademais, todos estes programas recibirán con esta nova liña de axudas ata un 40% máis de fondos por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.

 

Por outra banda, a orde tamén achega fondos a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en situación ou risco de exclusión. Entre eles, inclúense accións formativas e programas específicos para as persoas sen fogar e para poboación inmigrante, como formación lingüística, mediación intercultural ou asesoramento técnico en estranxeiría. As intervencións subvencionadas abranguen desde o pasado día 1 de xullo ata o 30 de abril de 2023.

 

Con esta iniciativa, o Executivo autonómico dá continuidade a súa colaboración co tecido asociativo, co obxectivo de chegar a todos os fogares que atravesan unha situación complicada e que precisan de apoio.