A Xunta apoia a app ‘Galegas con recursos’ de Mulleres en Igualdade de Tui co programa de axudas para promover o asociacionismo feminino en Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na localidade pontevedresa na presentación da aplicación
 

Destacou que a prioridade do Goberno galego segue a ser a promoción da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero para o que en 2023 crece o orzamento nun 41,44%, ata chegar aos 44,5 millóns de euros

Tui (Pontevedra), 11 de novembro de 2022 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinalou hoxe a importancia de fortalecer o asociacionismo feminino en Galicia na presentación da App Galegas con recursos de Mulleres en Igualdade de Tui, unha iniciativa que a Xunta apoiou a través das axudas autonómicas para impular as organizacións de mulleres na comunidade galega, que contaron en 2022 cun orzamento próximo aos tres millóns de euros.

 

En palabras de López Abella, apoiar o movemento feminino avanzando na igualdade de oportunidades e na erradicación da violencia de xénero é progresar “na configuración dunha sociedade máis xusta e equilibrada”. Por iso, lembrou que os orzamentos da área de Igualdade da Xunta crecen para 2023 nun 41,44%, ata chegar aos 44,5 millóns de euros, para seguir mantendo, reforzando e ampliando os recursos neste eido. Respecto a 2021, o aumento é do 61,27%.

 

A secretaria xeral, ademais de recordar os recursos económicos que a Xunta pon a disposición da sociedade galega para camiñar cara a igualdade e loitar contra a violencia de xénero, lembrou que este ano aprobouse o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, dotado con 44,7 millóns de euros, o orzamento máis alto da súa historia co que se busca que a igualdade rexa o sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación.

 

Tamén se referiu á aprobación do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 (935 millóns de euros) co obxectivo de asegurar o benestar integral das mulleres na súa ampla diversidade; e á posta en marcha este ano do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 (7 millóns de euros), un documento estratéxico elaborado coa participación das 12 entidades que conforman a Rede Galega contra a Trata e que sitúa a Galicia como referente no fortalecemento dos recursos para as vítimas.

 

Na presentación da App, informouse, ademais da nova iniciativa, dos recursos que ofrecen os Centros de Información á Muller (CIM), unha rede que en Galicia suman 84 oficinas que prestan servizo a 193 concellos. López Abella destacou a “imprescindible” tarefa que realizan os profesoinais dos CIM para asesorar e apoiar ás mulleres galegas.

Imaxes relacionadas