O presidente da Xunta, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, mantivo unha reunión coa directiva da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi)

Rueda avanzálles aos representantes do taxi en Galicia unha nova orde de axudas dotada con medio millón para a adquisición de vehículos adaptados, de emisión cero ou eco

A Xunta leva concedidos desde 2016 máis de 4,5 M€ en axudas para incentivar a renovación da frota deste transporte esencial, facilitando a adquisición de taxis adaptados ás persoas con mobilidade reducida e diminuír as emisións, das que se beneficiaron 745 taxistas

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzoulles hoxe aos representantes do taxi en Galicia unha nova orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou ECO. A nova convocatoria, correspondente ao ano 2023, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro 24 de novembro e contará cun investimento de 500.000 €.

 

Nun encontro coa directiva da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), que agrupa a 2.400 profesionais do sector en Galicia, Rueda deu a coñecer uns apoios que pretenden favorecer a renovación da frota de vehículos deste transporte esencial na Comunidade.

 

Así, con estes incentivos mellórase a accesibilidade ao transporte, facilitando a compra de taxis adaptados ás persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se reduce a contaminación, incorporando modelos cualificados como de emisións cero ou de categoría ECO.

 

O presidente, que estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembrou que a nova convocatoria sumarase aos apoios que o Goberno autonómico leva dedicado ao sector nos últimos anos. Deste xeito, e por medio desta liña, a Xunta leva concedidos desde 2016 un total de 4,5 M€ en axudas que beneficiaron a 745 taxistas. Incentivos aos que hai que sumar outras medidas como a aprobación da Lei do Taxi en 2013 e o regulamento que a desenvolve en 2018; ou o apoio a un taxi seguro durante a pandemia.

Imaxes relacionadas