A Xunta incrementará en 2023 ata os 500.000 euros as axudas aos programas de prevención do suicidio

Neste ano, a Xunta apoiou con 170.000 euros diferentes programas realizados por entidades vencelladas á saúde mental, chegando a preto de 2.000 persoas

As seis unidades de prevención do suicidio das que dispón o Sergas, grazas ao Plan de Saúde Mental de Galicia, atenderon no que vai de ano máis de 6.600 consultas

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, informou esta mañá na Comisión 5.ª de Sanidade, Política Social e Emprego, que a Xunta incrementará en 2023 ata os 500.000 euros, a convocatoria de axudas destinada aos programas de prevención de suicidio.

Nesta liña, destacou que a aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, posibilitou que o Servizo Galego de Saúde incrementase en cinco, o número de unidades de prevención do suicidio coas que conta o Sergas, acadando a cifra de seis unidades especializadas, que se agarda completar este ano coa posta en marcha da sétima na área de Santiago. Así, no que vai de ano estas unidades permitiron atender máis de 6.600 consultas.

O director xeral de Asistencia Sanitaria puxo en valor a recente posta en marcha do Protocolo de actuación ante o risco suicida no ámbito sanitario e educativo infanto- xuvenil, que permite establecer unha canle de derivación rápida dende os servizos de atención primaria, introduce un código específico de risco de suicidio no sistema de alerta escolar, e establece un modelo de prevención universal que ten demostrado diminuír a incidencia de intentos de suicidio nos máis novos.

Así mesmo, entre o conxunto de actuacións que está a apoiar o Executivo galego no eido da saúde mental, destacou o apoio aos programas destinados ás poboacións en risco: como os menores do sistema de protección, persoas con trastorno mental grave, persoas con adiccións ou persoas maiores. Neste senso, salientou que no 2022 se destinaron máis de 170.000 euros en subvencións para que, entidades como Fundación Lar, Xaruma, Agalure, Cruz vermella, As Burgas, Exalcólicos Ferrolterra, Fundación Alar Galicia, chegasen a preto de 2.000 persoas.

No ámbito dos investimentos, Aboal subliñou que o Servizo Galego de Saúde xa ten incorporado todo o equipamento do hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil de Lugo, e que xa están executados os investimentos de mellora estrutural no hospital psiquiátrico de Conxo. Ademais, avanzou que 2023 tamén se levará a cabo a ampliación dos espazos da área de saúde mental no centro de saúde de Ordes.

Máis persoal sanitario para a Saúde Mental galega

Jorge Aboal remarcou que unha das grandes características do Plan de Saúde Mental é o importante incremento de persoal especializado que leva aparellado. Así, os seus 83 millóns de dotación, permitirán ampliar os Recursos Humanos do Sergas en 241 profesionais deste eido, dos que están xa incorporados un total de 125.

En datos, no ano 2018 o número de profesionais de psicoloxía e psiquiatra dentro do Servizo Galego de Saúde era de 96 e 186 respectivamente sendo a taxa de psicólogos clínicos de 3,9/100.000 e a taxa de psiquiatras do 7,4/100.000 habitantes.

Na actualidade, o número de profesionais de psicoloxía clínica e psiquiatría adscritos o Servizo Galego de Saúde é de 124 e 224 respectivamente, e as taxas psicólogos clínicos son 5/100.000 habitantes e para os psiquiatras a taxa é de 8,4/100.000 habitantes

Para o ano 2023, os orzamentos autonómicos inclúen 2,6 millóns de euros máis para a creación de 61 novas prazas de profesionais.

Incremento de prazas MIR

No que atinxe á convocatoria de prazas MIR, increméntase as prazas na especialidade de Psiquiatría, acadando unha oferta final de 16 prazas. Isto supón un incremento de 4  respecto da oferta 2021/2022 (suba do 33%), convocando o 100% das prazas acreditadas desta especialidade. Ademais, tamén se convocará outra na nova especialidade creada a nivel nacional, de Psiquiatría Infantil e da adolescencia, para o vindeiro ano.

Na especialidade de Psicoloxía Clínica, increméntase a oferta ata acadar unha oferta final de 13 prazas, o que supón un incremento sobre a oferta 2021/2022 do 62% (5 prazas máis).

 

Imaxes relacionadas