Galicia empregará a intelixencia artificial para dotar a historia clínica electrónica de ferramentas automatizadas que poidan enviar alertas de enfermidades graves

A Xunta traballa con algoritmos baseados en técnicas de aprendizaxe profunda, capaces de aprender de casos previos xa diagnosticados e elaborar patróns de detección cada vez más complexos

Galicia reúne a máis de 60 directivos sanitarios para abordar os retos do Big Data e a Intelixencia Artificial no ámbito da saúde

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia avanzará nos próximos anos na dotación a historia clínica electrónica de ferramentas automatizadas baseadas na intelixencia artificial que contribúan a optimizar os procesos de saúde.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou hoxe na inauguración do curso Big Data & Inteligencia Artificial para xestores da saúde que, con estas ferramentas automatizadas de intelixencia artificial aplicadas a historia clínica “poderanse detectar, por exemplo, alertas de resultados que poidan estar relacionados con enfermidades graves, para transmitir ao médico e por en marcha, en ocasións, o seguinte paso no proceso”.

 

Julio García Comesaña sinalou ademais a intención do Servizo Galego de Saúde de continuar traballando coa dixitalización e a aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico en imaxe de anatomía patolóxica e radioloxía, “ampliando o campo á imaxe oftalmolóxica e as retinografías”, e abogou por desenvolver sistemas de identificación de brotes baseados na intelixencia artificial.

 

O titular da sanidade galega deu a benvida aos mási de 60 directivos sanitarios que participaron nesta primeira sesión do curso de big data deseñado para xestores da saúde que se inclúe dentro da programación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS) e está organizado por BioInformatics e acreditado pola Universidade Autónoma de Barcelona.

 

O conselleiro de Sanidade repasou as liñas de traballo do Sergas na aplicación da intelixencia artificial e o Big Data. Entre elas, salientou a detección de enfermidades raras, o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos aos profesionais e pacientes; a estratificación das características da poboación ou o análise do comportamento das opcións terapéuticas para valorar cal é a mellor práctica clínica. Galicia xenera 400.000 rexistros ao día e 150 millóns de datos ao ano.

 

“Galicia, a través do proxecto Código100 e o uso de fondos europeos para a innovación, deseñou este tipo de algoritmos, que permitirían nun principio a detección de cancros de colon e de mama”, destacou Julio García Comesaña, para quen o obxectivo da aplicación da intelixencia artificial é a mellora da capacidade diagnóstica dos profesionais de anatomía patolóxica e radioloxía, mellorando tamén o seguemento dos pacientes con sospeita diagnóstica e reducindo os falsos positivos e negativos. A aplicación destas técnicas permitiría tamén automatizar unha segunda lectura dunha proba de cribado, segundo precisou o conselleiro.

 

O entrenamento de modelos para facilitar a detección de posibles tipos de cancro a través da análise de imaxes médicas é outra das posibilidades que ofrece a intelixencia artificial, segundo o conselleiro de Sanidade, para quen os avances dos últimos anos permiten deseñar algoritmos baseados en técnicas de aprendizaxe profundo “que son capaces de aprender de casos previos xa diagnosticados e elaborar patróns cada vez máis complexos”.

 

Con todo, García Comesaña remarcou que a aposta polo uso do big data e da intelixencia artificial tamén esixe protexer coa maior rigurosidade a privacidade dos pacientes. “E un dos retos que nos depara o futuro, e seguiremos traballando para garantir a máxima seguridade no tratamento dos seus datos”, insistiu.

 

Declaracións dos ponentes

Pola súa banda, a doctora Ana Ripoll, presidenta de Bioinformatics Barcelona, sinalou que “a combinación da Intelixencia Artificial e o Big Data coa intelixencia humana permitirá humanizar a medicina, reducindo as actividades rutineiras do médico e dotándoo de ferramentas para un mellor diagnóstico centrado no paciente. Neste momento, a saúde humana é demasiado valiosa para relegala ás máquinas, excepto para tarefas rutineiras con risco mínimo. O camiño que se nos abre é apaixonante”.

 
Teresa Martín, responsable de Acceso e Relacións Institucionais de Amgen Iberia resaltou o “potencial que toda esta información tería para a medicina e a farmacoloxía se conseguísemos ordenala, procesala, analizala e interpretala”. Na súa opinión “a Intelixencia Artificial é unha gran aliada e, entre todos, gobernos, universidades, empresas, institucións, hospitais, profesionais e pacientes, debemos aproveitar todo o seu potencial para conseguir unha maior prevención, e unha toma de decisións baseadas en datos e resultados da vida real que redunde no benestar da sociedade”.

Imaxes relacionadas