A Xunta destina este ano 95.000 euros á atención aos trastornos de saúde mental e aprendizaxe na comarca de Ferrol

A delegada territorial, Martina Aneiros, deu conta esta mañá do convenio subscrito con Aspaneps no marco dunha visita na que estivo acompañada da presidenta da entidade, Elena Rodríguez, e do xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio
 

O programa financiado coa apoio da Consellería de Sanidade ten por obxecto apoiar, orientar e asesorar a menores que teñen dificultades na aprendizaxe que poñen en risco o seu benestar a través de estratexias de promoción, prevención e asistencia que garantan a súa saúde mental integral

Ferrol, 24 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta esta mañá do convenio firmado recentemente entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais (Aspaneps) para a actualización e implantación do proceso asistencial no eido dos trastornos da aprendizaxe e trastornos de saúde mental relacionados en saúde mental infanto-xuvenil por un importe de 95.000 euros.

 

Martina Aneiros anunciou esta achega autonómica no marco dunha visita á unidade de atención temperá da entidade situada na rúa Alegre e na que estivo acompañada da presidenta da entidade, Elena Rodríguez, do xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, e da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez.

 

O programa ten por obxecto apoiar, orientar e asesorar a menores que teñen dificultades na aprendizaxe que poñen en risco o seu benestar persoal e a súa integración psicosocial, así como ás súas familias, a través de estratexias de promoción, prevención, asistencia psicosocial e rehabilitadoras que garantan unha saúde mental integral.

 

En concreto, en colaboración cos dispositivos de saúde mental da Área Sanitaria de Ferrol e os servizos de orientación dos centros educativos da zona promoverase a identificación e detección de circunstancias que conflúan nun problema de aprendizaxe e precipiten alteracións de conduta na infancia.

 

Aspaneps ofrecerá aos usuarios do programa un tratamento actualizado e individualizado que atenda as súas circunstancias de saúde e sociais, introducindo aqueles aspectos necesarios para dar resposta aos colectivos de maior vulnerabilidade e atendendo a perspectiva de xénero no desempeño das súas actividades.

 
A asociación Aspaneps asiste actualmente a un total de 253 usuarios no marco deste programa e o número de consultas atendidas este ano ascende a 1.447.

Imaxes relacionadas