A Xunta realizou máis de tres millóns de exploracións dentro do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia conmemora hoxe cunha xornada o 30 aniversario da posta en marcha do Plan Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama
 

Das 3.009.616 exploracions, o resultado final da avaliación mamográfica foi de 96,7% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que ao 2,86% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional
 

No período 1992-2020, entre as pacientes derivadas para estudo ás Unidades de Diagnóstico e Tratamento dos hospitais, diagnosticáronse 10.680 casos de cancro, o que supón un valor preditivo positivo de 13,01% e unha taxa de detección de 3,76 cancros por cada 1.000 mulleres exploradas
 

A taxa de participación global desde o comezo do Programa ata o ano 2020 é de 79,28%, o que a sitúa por riba dos niveis desexables segundo as guías europeas (75%)

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022 O salón de actos do Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe unha xornada con motivo do 30 aniversario da posta en marcha do Plan Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, que contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.

 

No transcurso da xornada sinalouse que, no período 1992-2021, realizáronse un total de 3.796.162 invitacións válidas e 3.009.616 exploracións, das que 632.019 corresponden a mulleres que acudían en primeira rolda á unidade de exploración mamográfica e 2.377.597 corresponden a exploracións feitas a mulleres que acudiron en roldas sucesivas. A participación global obtida foi do 79,28%, resultando un pouco superior no grupo de 55-59 anos. No ano 2021 fixéronse 209.638 invitacións e 168.557 exploracións, acadando unha participación do 81,97%.

 

Dende o inicio do programa, a exploración mamográfica inicial obtivo un resultado definitivo (negativo ou positivo) no 99,70% das mulleres exploradas. A un 0,42% recomendóuselles unha mamografía intermedia de control aos 9-12 meses. O resultado final da avaliación mamográfica foi de 96,7% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que ao 2,86% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional (0.4 restante non completaron o control indicado). A proporción de mulleres a que se lles indica valoración clínica adicional redúcese coa idade e coas roldas, sendo maior en primeira rolda (6,59%) que en sucesivas (1,86%). No ano 2021, o resultado final da avaliación mamográfica foi do 97,22% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que ao 2,66% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional.

 

No período 1992-2020, entre as pacientes derivadas para estudo ás Unidades de Diagnóstico e Tratamento dos hospitais, diagnosticáronse 10.680 casos de cancro, o que supón un valor preditivo positivo de 13,01% e unha taxa de detección de 3,76 cancros por cada 1.000 mulleres exploradas. A taxa de detección mostra un incremento coa idade.

 

Entre as mulleres que acudiron por primeira vez ao Programa, a taxa de detección é máis elevada que naquelas que acudiron en roldas sucesivas (4,42 e 3,62‰ respectivamente). No ano 2020, a taxa de detección foi de 4,4 casos por cada mil mulleres exploradas. Entre as mulleres que acudiron por primeira vez ao Programa a taxa de detección foi de 6,86‰, mantendo o nivel dos anos previos. Entre as mulleres que acudiron en roldas sucesivas foi de 4,05‰, subindo algo respecto aos rexistro anteriores. En ambas as rondas alcánzanse os niveis de detección de cancro de mama desexables segundo os estándares europeos.

 

A taxa de participación global desde o comezo do Programa ata o ano 2020 é de 79,28%, o que a sitúa por riba dos niveis desexables segundo as guías europeas (75%).

 

Ampliación progresiva

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, púxose en marcha en 1992 a primeira unidade de exploración mamográfica do Programa galego de detección precoz do cancro de mama (PGDPCM). Ata o ano 2004 o Programa ía dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia con idades comprendidas entre 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir de 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no ano 2009.

 

O cancro de mama continúa sendo a primeira causa tumoral de morte nas mulleres, en Galicia. Na actualidade, non contamos con medidas efectivas de prevención primaria, xa que os factores de risco máis importantes (idade, antecedentes familiares de cancro de mama, antecedentes de patoloxía mamaria, menarquia precoz e menopausa tardía) non son modificables. Polo tanto, os esforzos diríxense ás actividades de prevención secundaria, como é establecer un diagnóstico o máis precoz posible mediante programas poboacionais de detección precoz, para poder ofrecer un tratamento coas máximas expectativas de curación, xa que a supervivencia está moi ligada ao estadio en que se atopa a enfermidade cando é diagnosticada. A proba máis útil e accesible para realizar a detección dun tumor de mama antes de que se manifeste clinicamente é a mamografía.

 

A estrutura asistencial do Programa está formada polas 24 unidades de exploración mamográfica (onde se realizan as mamografías), tres unidades de avaliación radiolóxica (UAR) (onde se len as mamografías), e polas 14 Unidades de diagnóstico e tratamento (UDT) integradas nos hospitais da rede asistencial do Sergas (onde se realiza a valoración clínica adicional ata acadar un diagnóstico).

Imaxes relacionadas