As axudas da Xunta para entidades do eido da saúde mental aumentarán a súa contía en case un 20% no ano 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou na presentación do programa “Un intruso no meu cerebro” da Fundación Lar, un dos case 60 beneficiarios das axudas outorgadas neste 2022
 

Os fondos do Plan de Saúde Mental de Galicia permitirán que a convocatoria para 2023 supere os 1,2 millóns de euros
 

Comesaña destacou o bo facer da Fundación Lar que lle permitiu obter case 100.000 euros de axudas nesta última concovatoria

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022 “As axudas da Xunta para entidades do eido da saúde mental aumentarán a súa contía en case un 20% no vindeiro ano, ata superar os 1,2 millóns de euros”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de presentación do proxecto “Un intruso no meu cerebro” da Fundación Lar. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal.

 

O proxecto hoxe presentado é un dos case 60 programas que a Xunta financia neste ano, con máis de un millón de euros. Comesaña lembrou que a convocatoria de axudas para programas de saúde mental desenvoltos por entidades sociais naceu no 2020 cunha dotación de 500.000, ao abeiro da aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024. Desde entón, leva incrementando cada ano os seus fondos ata o punto de que a convocatoria de 2023, con esa cantidade que supera os 1,2 millóns, máis que duplicará á de 2020.

 

O máximo responsable da sanidade pública galega sinalou que, máis alá desta convocatoria anual de axudas, o Plan de Saúde Mental incrementou tamén o apoio da administración sanitaria galega aos pacientes con trastornos mentais a través de entidades como Lar, concertando prazas nos seus centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais. Ao respecto, no vindeiro ano, a Xunta vai destinar 9,5 millóns de euros a estes concertos, o que supón un 50% máis dos fondos que había no ano 2020, antes de iniciar o Plan de Saúde Mental.

 

O conselleiro destacou o bo facer da Fundación Lar á hora de formular programas “bos e efectivos”, dado que nesta última convocatoria por concorrencia competitiva, esta entidade logrou axudas para o financiamento de ata sete programas, o que supón case 100.000 euros.

 

Novas unidades ao abeiro do Plan de Saúde Mental de Galicia

Na súa intervención, Comesaña incidiu en que “temos a firme determinación de actuar acompañados polos profesionais e polas entidades que levan anos traballando neste campo”. Por iso, no ano 2020 o Goberno galego presentou un Plan de Saúde Mental, no que se prevé investir máis de 83 millóns de euros e contratar a 241 profesionais. Xa se contratou a 125 deles, destinándose a reforzar a atención á saúde mental da infancia e da adolescencia.

 

A Xunta puxo en marcha nestes tres anos, -proseguiu o conselleiro-, tres hospitais de día de saúde mental infanto xuvenil (Vigo, Santiago e Ourense) e porá en marcha nos dous anos seguintes os da Coruña, Ferrol e Pontevedra. Asemade, neste mes, autorizouse a licitación da obra para crear unha unidade de hospitalización infanto-xuvenil de agudos no hospital de Vigo, que será a segunda de Galicia, complementando á de Santiago.

 

Tamén destacou o conselleiro a posta en marcha das unidades de prevención do suicidio. No ano 2020 só existía unha na área de Ourense e “imos rematar este ano con unha en cada unha das sete áreas sanitarias”. Xunto ao anterior, o departamento sanitario vén de presentar, en colaboración coa Consellería de Educación, un novo protocolo de prevención e actuación ante o risco suicida nos eidos sanitario e educativo, para protexer á nosa mocidade.

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu o traballo da Fundación Lar para achegar á mocidade a realidade da saúde mental, e para lograr a plena inclusión dos rapaces e rapazas que padecen estas enfermidades, así como por dar a batalla contra os estigmas por todos os medios e a través de todas as canles.