A nova Lei de igualdade situará o benestar laboral como panca para o crecemento económico de Galicia e a mellora das condicións da poboación traballadora

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na xornada formativa ‘Intelixencia emocional aplicada ás relacións laborais nas entidades da discapacidade’ onde vencellou o benestar laboral cunha maior produtividade

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2022.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na xornada formativa Intelixencia emocional aplicada ás relacións laborais nas entidades da discapacidade, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia polo benestar laboral como unha das pancas para incrementar a produtividade e a competitividade das empresas e, porén, o crecemento económico de Galicia.

A Xunta está a elaborar a nova Lei de igualdade, na que se inclúen artigos dedicados ao benestar laboral “na firme crenza de que as políticas de conciliación, flexibilidade de horarios, o teletraballo, a protección da saúde e a defensa da igualdade e a promoción da responsabilidade social empresarial van conseguir a mellora social e laboral de toda a poboación traballadora e un avance máis rápido do crecemento económico de Galicia”, manifestou a directora xeral.    

Mancha defendeu como “fundamental” que as persoas que se responsabilizan de dirixir as relacións laborais, de organizar o traballo e de dar instrucións e ordes teñan a maior formación posible nas habilidades relacionadas coa intelixencia emocional “para que poidan sacar o mellor do seu propio carácter e personalidade”. “Aplicar a paciencia e a empatía traerá consigo a mellora do clima laboral e o que é máis importante, o persoal identificarase coa empresa e a súa forma de traballar, sentirá as cores e con iso conseguirase fidelizar o talento”, remarcou.

O Goberno galego está a sentar as bases para que o benestar laboral constitúa unha prioridade nas empresas, animando a todas elas a organizar formacións como a de hoxe, dixo Mancha, que incidan na procura do equilibrio nas contornas de traballo para acadar unha maior implicación das persoas empregadas, reducindo as renuncias e a rotación.

Imaxes relacionadas