O 061 de Galicia asistiu 82 persoas por 53 accidentes de tráfico durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 25 de novembro ata as 23,59 horas do domingo, 27 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 62 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 28 de novembro de 2022 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 82 persoas debido a 53 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 25 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 27 de novembro. O domingo foi o día que rexistrou máis sinistros, con 21 accidentes de tráfico.

 

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 62 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 53 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 82 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 51% e do 49% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 34% dos atendidos tiña entre 15 e 29 anos.

 

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 27 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
18
Lugo
6
Ourense
2
Pontevedra
27
Galicia
53
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 68. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 56 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.

 
En 15 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 66 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Imaxes relacionadas