A conselleira do Mar participou hoxe en Vigo na inauguración do encontro científico-empresarial ‘Beneficios Nutricionais do Consumo de Peixe para a Saúde Pública’

A campaña `Galicia sabe aMar’ percorrerá 200 municipios de España relacionados co Camiño de Santiago

A Xunta tamén organizará diversos foros temáticos que baixo o título 'A Cociña do Mar' visitarán as grandes urbes galegas e abordarán temas como a sustentabilidade, a formación e investigación e a saúde

O fin destas accións e de encontros como o de hoxe é concienciar á cidadanía dos valores nutricionais dos peixes e mariscos, así como do valor do traballo dos profesionais do mar

Vigo, 29 de novembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de desenvolver iniciativas para difundir os beneficios nutricionais dos produtos do mar e a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira. Nesta liña, puxo como exemplo a campaña Galicia sabe aMar, que o Goberno galego puxo en marcha para promover o consumo e a venda de peixe e marisco e poñer en valor o labor dos profesionais do mar que contribúen ao subministro de alimentos de calidade á cidadanía. Esta iniciativa, informou a conselleira, percorrerá 200 municipios de España relacionados co Camiño de Santiago nos que se realizarán 1.500 degustacións.

Así o sinalou na inauguración do encontro científico-empresarial Beneficios Nutricionais do Consumo de Peixe para a Saúde Pública, organizado pola Universidade de Vigo. Alí tamén explicou que ademais se organizarán diversos foros temáticos que baixo o título A Cociña do Mar percorrerán as grandes urbes galegas e abordarán temas como a sustentabilidade, a formación e investigación e a saúde.

Con estas accións e con encontros como o de hoxe, sinalou a titular de Mar, desde a Xunta “buscamos que os consumidores sexan conscientes da importancia da elección de cada alimento para a saúde”. Nesta liña, Rosa Quintana expuxo que o foro de hoxe permitirá afondar nas necesidades da cidadanía e contribuír a configurar unha dieta idónea para a saúde pública. Deste xeito, engadiu, representa “un escaparate para demandar maior visibilidade e concienciación alimentaria”.

A conselleira destacou ademais o labor sustentable dos profesionais do mar e o valor de campañas como Galicia sabe aMar para recoñecelo. Ao mesmo tempo lembrou outras iniciativas desenvolvidas pola Xunta como Ti si que es un bo peixe, Fai clic ao teu bocata, destinadas ao público infantil, e Vai de peixe, dirixida á poboación de entre 18 a 35 anos.

A maiores, a titular de Mar aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo na organización deste encontro, así como das organizacións de produtores de pesca e entidades colaboradoras que son: a OPP-07 de Burela, a OPP-08 do Porto e ría de Marín, a OPP-51 de Almadraba, a OPP-78 Artesanal del Estrecho, a OPP-66 de Pescadores de Carboneras S.C.A, Sealab e as empresas Espaderos del Atlántico e Mascato.

Imaxes relacionadas