A Xunta apoia o etiquetado frontal nos envases alimentarios a prol dun consumo saudable

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na apertura dunha xornada sobre a materia organizada pola Unión de Consumidores de Galicia


Diego Calvo apostou pola información e a formación das persoas consumidoras para facilitar a toma de decisións alimentarias
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na xornada Os etiquetados frontais nos envases alimentarios. Un avance para o consumidor, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), onde apoiou o etiquetado frontal nos envases alimentarios a prol dun consumo saudable e sustentable. O encontro contou tamén con intervencións do director xeral de Pesca, Acuicultura e innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e da xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez.

 

Para Diego Calvo, a importancia da alimentación na saúde fai preciso que a cidadanía conte con información clara e accesible sobre os produtos consumidos para facilitar a toma de decisións alimentarias axeitadas. O vicepresidente segundo apostou tamén pola formación das persoas consumidoras no coñecemento da composición e da orixe dos alimentos. “Desde a Xunta impulsamos as accións formativas como a mellor garantía para a defensa dos nosos dereitos e intereses como consumidores”, engadiu.

 

Neste sentido eloxiou o labor divulgativo da Unión de Consumidores de Galicia coa organización da xornada desenvolvida hoxe para afondar no etiquetado frontal dos alimentos desde as perspectivas internacional, política, científica, da cadea alimentaria e da Administración. O foro responde ás inquedanzas detectadas pola entidade entre a cidadanía con respecto á información alimentaria e recollidas no Informe sobre o etiquetado nutricional frontal.

 

Segundo sinalou Diego Calvo, a iniciativa de UCGAL para avanzar na materia está en liña ademais coa Unión Europea, que está a revisar as normas sobre a información facilitada aos consumidores e propón a introdución dun etiquetado nutricional obrigatorio na parte frontal dos envases. Búscase así harmonizar os requisitos de etiquetado a nivel europeo para poder elixir dietas nutritivas e sustentables para a saúde a calidade de vida.