O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou na 74ª xunta directiva de PEFC España e no Foro de diálogo sobre mercados de carbono e servizos ecosistémicos

A Xunta está a traballar na aplicación dun modelo fiable de determinación da fixación de carbono nos montes galegos conforme aos mellores estándares internacionais

José Luis Chan sinalou que este sistema de créditos de carbono será de carácter voluntario e servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas que desexen reducir ou facer nulas as súas emisións
 

Lembrou que dende a Consellería do Medio Rural mantense o certificado PEFC de xestión forestal sustentable en 619 montes baixo a súa xestión, maioritariamente montes veciñais en man común conveniados

Madrid, 1 de decembro do 2022 O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asistiu esta mañá en Madrid á 74º xunta directiva de PEFC España. Alí, destacou que  a Consellería do Medio Rural está a traballar na aplicación dun modelo fiable de determinación da fixación de carbono nos montes galegos conforme aos mellores estándares internacionais, co fin de facilitar que os propietarios se incorporen a estes mercados.

 

Neste senso, sinalou que este sistema de créditos de carbono será de carácter voluntario e servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións.

 

Precisamente, o director xeral lembrou que dende a Consellería do Medio Rural mantense o certificado PEFC de xestión forestal sustentable en 619 montes baixo a súa xestión, maioritariamente montes veciñais en man común en convenio coa Xunta. Estes, engadiu, suman unha superficie de 164.000 hectáreas, o que supón o 41% da superficie certificada en Galicia por PEFC. A nivel mundial, o selo PEFC contan cun total de 286 millóns de hectáreas certificadas, das cales 2,7 millóns de hectáreas correspóndense a España.

 

Nesta liña, José Luis Chan avanzou que as previsións para Galicia son que a superficie continúe crecendo nos próximos anos, grazas á xestión do Goberno galego, que inclúe automaticamente no seu Sistema de Xestión Forestal Sostible aqueles montes xestionados pola Administración que dispoñen dun instrumento de ordenación e xestión forestal. A listaxe dos montes ou unidades de xestión forestal incluídos no sistema actualízase mensualmente e poden consultarse a través da web da Consellería do Medio Rural.

 

Compromiso da Xunta

A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel, a través dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial- que a xestión dos bosques dos que proveñen estes produtos é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. 

 

A xestión forestal sostible certificada por terceiros independentes é un camiño ineludible para os xestores de propiedades forestais de cara a xustificar ante a sociedade que as súas accións non soamente non danarán senón que mellorarán o estado dos nosos bosques. Ademais, a madeira e outros produtos obtidos de bosques certificados garanten ao consumidor -a través do selo que figura neles- a súa sustentabilidade.

 

Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

 
Neste contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural