Galicia acada un 43% de cobertura na vacinación pediátrica fronte á gripe

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a importancia da incorporación desta medida de protección nun ano de alta incidencia de virus respiratorios na infancia

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Ata o de agora, o 43,44% da poboación pediátrica entre os 6 meses e os 5 anos de idade está vacinada contra a gripe en Galicia. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade en resposta a unha pregunta parlamentaria. Julio García Comesaña destacou a importancia da incorporación ao calendario de vacinación infantil da vacina da gripe, “unha importante medida de protección nun ano de alta incidencia de virus respiratorios na infancia”, ademais dunha iniciativa pioneira tanto en Galicia como no conxunto de España.

O titular da carteira sanitaria destacou que os resultados de vacinación foron posibles tras o plan piloto posto en marcha pola Consellería de Sanidade no Hospital Clínico de Santiago de Compostela para incrementar os niveis de vacinación da gripe entre a poboación infantil, e evitar cadros máis graves e contaxios. “O éxito dese plan levounos a extrapolar esta medida piloto a todas as áreas e empregar os 14 hospitais públicos de Galicia para levar a cabo a vacinación dos nenos entre os 6 meses e os cinco anos. E á vista están os resultados. Só na pasada fin de semana 5.000 nenos e nenas recibiron a vacina contra a gripe nos distintos dispositivos habilitados para elo”, -informou o conselleiro de Sanidade-.

Comesaña insistiu en que, dende a Xunta, continuaremos a traballar para que os pais e as nais dos cativos continúen levando aos seus fillos a vacinarse “porque non hai mellor remedio que a prevención”.

Tamén, o conselleiro explicou a situación extraordinaria que viven estes días as urxencias, tanto as pediátricas como de adultos, a raíz do incremento exponencial de casos de infeccións respiratorias, “cun aumento do 65% respecto ao ano pasado debido á maior intensidade de circulación dos virus”.

Concretamente, referiuse a alta afluencia rexistrada nas urxencias pediátricas, provocada pola incidencia prematura do virus respiratorio sincital, que xerou máis de 120.000 consultas de pediatría nos centros de saúde nos primeiros 20 días de novembro, case 30.000 consultas máis que no mesmo período en prepandemia.

No caso concreto das urxencias da área sanitaria de Vigo, a activación do plan de continxencia supuxo a ampliación da dotación de persoal adscrito ás urxencias pediátricas, en concreto a incorporación de maneira estable de 5 enfermeiras para facer fronte a este pico asistencial.

Afortunadamente- sinalou García Comesaña- os servizos de urxencias hospitalarias do Sergas teñen o suficiente dimensionamento para resolver a demanda actual”, rematou.

Imaxes relacionadas