Preto de 250 profesionais do Sergas do ámbito da saúde materno-infantil asisten ás XV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva

As Xornadas foron inauguradas pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2022 Un ano máis, a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas, a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), celebrou esta semana as Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que van xa pola décimo quinta edición, e que foron inauguradas pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública.

 

A xornada despertou moito interese entre os e as preto de 250 profesionais presentes de distintas categorías, pero principalmente persoal de enfermería de distintas especialidades (matronas e de pediatría), Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería e persoal medico de distintas especialidades (familiar e comunitaria, xinecoloxía e obstetricia, e pediatría).

 

Durante as xornadas, expertas e expertos nas distintas materias, presentaron diferentes temas como o diagnóstico de sospeita de endometriose a nivel de atención primaria, unha enfermidade inflamatoria estróxeno-dependente clinicamente relevante, de orixe descoñecida e que afecta a un significativo número de mulleres en idade reprodutiva. A xinecóloga e obstetra do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Helena Rodríguez, destacou o papel que os profesionais de atención primaria e dos dispositivos de urxencias teñen na sospeita da enfermidade.

 

Así mesmo, outra xinecóloga e obstetra do Hospital Universitario de Ourense, Susana Blanco, coordinadora da área de ecografía xinecolóxica, realizou unha revisión do estado do coñecemento científico actual sobre a prevención da preeclampsia, unha manifestación clínica da insuficiencia placentaria que aparece en aproximadamente un dez por cento de mulleres durante o embarazo, e que causa moribilidade materna e fetal que se pode complicar con eclampsia, polo que a prevención e detección precoz desta enfermidade son esenciais para previr secuelas a longo prazo.

 

Na Xornada tivo lugar unha interesante mesa redonda, na que se presentaron dúas experiencias de intervención comunitaria en saúde sexual e reprodutiva desde a perspectiva da saúde comunitaria, que permitiron dar a coñecer os interesantes proxectos levados a cabo por dúas matronas de atención primaria. Así, Laura Vila, matrona do centro de saúde de Carballiño, falou do programa de educación afectivo-sexual realizado nos centros de educación secundaria de Lugo “Queréndonos ben”, e, por outra banda, Mª Dolores Rodríguez, matrona do centro de saúde de Baltar-Portonovo, compartiu a súa iniciativa participativa coas mariscadoras, no marco da axenda 2030.

 

Finalmente, o xefe de servizo de Planificación Sanitaria, da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Francisco Represas, falou sobre os Plans locais de saúde elaborados, e animou a estas e outras matronas, a incluír as intervencións comunitarias relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva das mulleres no Plan Local de Saúde do seu Servizo de Atención Primaria.

 

Na Xornada, tamén interveu o psicólogo da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Marcos Calvo, que aportou ferramentas útiles á hora de comunicar malas novas, para de seguido, a matrona Mª Carmen Grandío, do Hospital do Salnés, afondar nas vantaxes da continuidade de coidados proporcionados pola matrona durante o parto e o puerperio para a saúde perinatal.

 

A Xornada rematou coa intervención da enfermeira especialista en pediatría e Consultora de Lactancia Certificada (IBCLC, International Board Certified Lactation Consultant) no Hospital Teresa Herrera, que falou do papel clave que a enfermaría ten no apoio á lactación materna, para lograr que as nais que deciden aleitar ás súas crianzas, logren unha lactación materna exitosa, pero tamén para lograr que os neonatos ingresados e máis vulnerables, que non poden ser alimentados co leite das súas nais, reciban leite humana doada dos bancos de leite existentes no Sergas.

Imaxes relacionadas