A Xunta colabora con tres entidades do sector da discapacidade para formar o seu persoal en igualdade laboral e perspectiva de xénero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios coa patronal galega da discapacidade intelectual (Aedigal), a asociación galega da discapacidade In-Red, e a de Centros Especiais de Emprego (Aspais)

A colaboración estenderase durante catro anos e permitirá impartir formación en modalidade telemática especialidade para o sector

A Xunta quere contribuír a que as empresas adopten medidas de igualdade que atendan as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios con tres entidades do sector da discapacidade -Aspais, In-Red e Aedigal- para formar, no eido da igualdade laboral, o persoal das entidades que traballan na atención ás persoas con discapacidade.

Os convenios nacen do compromiso da Xunta de promover unha visión social de xénero desde a perspectiva da discapacidade no eido laboral, polo que se propón unha oferta formativa que atende á vulnerabilidade do colectivo e que avoga pola preparación do persoal do sector desde o principio de igualdade, a responsabilidade individual, a orientación en igualdade e a perspectiva de xénero.

Á sinatura dun primeiro convenio con Aedigal, formalizada o pasado 5 de outubro de 2022 e que agora prorroga a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2025, engádense outras dous entidades: In-Red (Asociación profesional e empresarial galega de centros especiais de emprego e entidades do ámbito da discapacidade intelectual e/ou afíns) e Aspais (Asociación para a promoción de actividades de integración sociolaboral en centros especiais de emprego).

No marco da colaboración ofreceranse cursos en modalidade telemática a través da plataforma da Xunta, que disporá os medios técnicos e persoais necesarios para a súa impartición. As entidades, pola súa banda, colaborarán no deseño dos contidos e a captación de traballadoras e traballadores para que tomen parte nas accións.  

Os novos convenios asinados con In-Red e Aspais terán unha vixencia de catro anos e, ao igual que no caso de Aedigal, non contan con asignación orzamentaria nin transferencia de fondos algunha.

A Xunta está a impulsar de xeito continuado as políticas de igualdade a nivel transversal. Coa nova oferta formativa tamén busca chegar ás empresas para que adopten medidas de igualdade no seo das súas organizacións e atendan as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade, para evitar que padezan, no eido laboral, a discriminación múltiple e poidan avanzar na súa participación plena na sociedade.