Máis de 600 persoas maiores están a gozar estas semanas do programa de Benestar en balnearios, cubríndose o 100% das prazas ofertadas
A proposta desenvólvese en 15 establecementos de toda a Comunidade durante os meses de novembro e decembro
Permite que persoas maiores de 60 anos desfruten de estadías en pensión completa para pasar uns días de descanso
O Goberno galego pon a disposición dos maiores programas de envellecemento activo como as aulas sénior, Xuntos polo Nadal ou iniciativas de voluntariado interxeracional para compartir experiencias cos mozos galegos
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, sinalou que a Xunta cubriu a totalidade das máis de 600 prazas ofertadas no programa Benestar en Balnearios neste ano 2022. Esta mañá visitou as persoas que desfrutan desta iniciativa en Mondariz-Balneario onde sinalou que esta proposta permite ofrecerlle aos maiores alternativas para un envellecemento activo. O Goberno galego destina 136.000 euros co que cubre ata o 40% do custo da praza.
Coidados porta a porta
A conselleira aproveitou para visitar tamén a unidade móbil do programa de Coidados porta a porta, que na xornada de hoxe retomou a súa actividade en Mondariz-Balnerario e que atende aos veciños de máis idade desta zona ata o martes da vindeira semana, incluído. Ata o momento concedéronse 139 citas, entre a primeira e segunda volta, incrementándose un 31% nesta segunda con respecto á anterior visita do programa á localidade. Aínda está aberta a posibilidade de pedir cita nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.