A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe este centro de titularidade municipal

A Xunta concede máis de 210.000 euros ao Concello de Santa Comba para ampliar en 20 prazas a súa escola infantil municipal

Esta orde de axudas permitirá a creación de 450 prazas de atención 0 a 3 en toda a Comunidade nunha vintena de concellos galegos

Os veciños de Santa Comba benefícianse da gratuidade das escolas infantís que se aplica en todos os centros galegos, independentemente da súa titularidad

Destaca que o Goberno galego aposta por un rural con servizos con medidas como as casas niño, as casas do maior ou o programa de Coidados porta a porta
 

Santa Comba (A Coruña), 12 de decembro de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil municipal de Santa Comba onde sinalou que a Xunta concederá 210.000 euros a este Concello para a ampliación deste centro en 20 prazas. Isto suporá incrementar nun 25% a oferta destas instalacións de atención a nenos de 0 a 3 anos ata un total de 80. 

A conselleira lembrou que o Goberno galego aposta por un rural vivo, con recursos e no as familias poidan conciliar a súa vida laboral e familiar do mesmo xeito que nunha cidade. Para perseguir este obxectivo, destacou o impulso de medidas coma a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, que beneficia a 31.000 familias galegas e á que a Xunta destina 55 millóns de euros ao ano.  

A través desta orde de axudas, o Goberno galego facilita a creación de prazas en escolas infantís de titularidade municipal. Fabiola García apuntou que son unha vintena os concellos os que se están a beneficiar desta medida, o que suporá a creación de 450 prazas de nova creación en toda Galicia e a ampliación de recursos de atención 0-3 anos.  

Un rural con servizos

Así mesmo, a Xunta segue achegando os servizos a todos os municipios galegos a través das 95 casas niño que impulsa naqueles concellos sen escola infantil, das máis de 100 casas do maior que permiten atención diúrna a persoas maiores que viven en lugares pouco poboados ou o programa Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por toda Galicia.

Imaxes relacionadas