Expertos debaten a importancia da prevención e coordinación na vixilancia epidemiolóxica na primeira xornada galega de saúde pública

Organizado pola Escola Galega de Saúde Pública, a Consellería de Sanidade acolle o primeiro foro galego de saúde pública, baixo o título “Ágora, agora, dando valor ao que estamos a facer”

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

Destacados expertos da sanidade galega reúnense hoxe en Santiago de Compostela, na I Xornada Galega de Saúde Pública, organizada pola Escola Galega de Saúde Pública baixo o título “Ágora agora, dando valor ao que estamos a facer”. Neste foro, debátese sobre a importancia da prevención e da coordinación na vixilancia epidemiolóxica e abórdanse os programas postos en marcha pola Consellería de Sanidade en materia de saúde pública.

 

A xornada foi inaugurada pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, quen destacou que un dos obxectivos do seu departamento “é a xestión do coñecemento a través tanto da formación como da investigación como de calquera actividade ou entorno que permita compartir o que estamos a facer, corrixir as áreas de mellora e seguir crecendo”.

 

Esta xornada, -remarcou Carmen Durán-, nace co propósito de visibilizar que, en materia de saúde pública en Galicia, traballan cos mesmos obxectivos as xefaturas territoriais de Sanidade, os servizos de medicina preventiva, os servizos asistenciais, os profesionais universitarios, así como a Subdirección de sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade.

 

Tamén debe servir a xornada, -proseguiu Carmen Durán-, para poñer en valor o traballo que se realiza dende saúde pública en materia de prevención da enfermidade e promoción de estilos de vida que melloren a saúde da poboación. Así, “neste ano modificouse e ampliouse o calendario vacinal, incrementáronse o número de cribados, e puxéronse en marcha iniciativas de calado en estilos de vida saudable”. Xunto ao anterior, “traballouse en acreditacións de calidade no control oficial e deuse un paso importantísimo na dixitalización da saúde pública”. Así mesmo, estanse a tecer redes colaborativas con sociedades científicas, grupos de investigación de recoñecido prestixio e as universidades, -concluíu a directora-.

 

Catro encontros coa intervención de especialistas en distintas materias

 

O foro, que será clausurado polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade Alberto Fuentes, o compoñen catro encontros, cada un dos cales reúne a especialistas en distintas materias. No primeiro, baixo o título “Agora, investigando cara a un horizonte de mellora”, falarase dos avances na investigación en vacinas e a contribución desde o ámbito clínico, unha ponencia a cargo do xefe do servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Santiago, Federico Martinón; así como das contribucións desde o ámbito universitario á investigación en saúde pública, que aborda o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde da USC, Adolfo Figueiras.

 

O segundo, aborda a prevención cara á cidadanía, e conta coa participación do xefe de servizo de Programas Poboacionais de Cribados, Ángel Gómez Amorín, quen fala da actualización dos cribados poboacionais; da xefa do servizo de Control de Enfermidades, Susana Miras, quen explica o calendario de vacinación para toda a vida; e a subdirectora xeral de Programas e Fomento de Estilos de Vida Saudable, Silvia Suárez Luque, quen presenta o programa Adestra á túa saúde.

 

O terceiro encontro, baixo o título “Agora, coordinándonos con todos e entre todos”, aborda o proxecto para a diagnose precoz da VIH nas unidades de urxencias, a cargo do coordinador do servizo de Urxencias do CHUAC, José Manuel Fandiño. Tamén, o xefe do servizo de Aparato Dixestivo da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Juan Turnes, explica o programa de eliminación da Hepatite C como problema de saúde pública; e María Sande, xefa do servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Ourense, fala da automatización da vixilancia epidemiolóxica das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria.

 

O cuarto encontro da xornada, titulado “Agora, promovendo o cambio”, céntrase en aspectos como a Estratexia Galega de Saúde Pública, a cargo da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Tamén, na dixitalización da saúde pública, coa participación do subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; así como na acreditación do control oficial en saúde pública, que conta coa intervención de Inés Mato, subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a saúde