A Xunta incrementa un 25% a dotación de persoal das oficinas de emprego con 136 novos postos permanentes de orientación laboral e prospección empresarial

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará arredor de 5 millóns de euros a financiar a incorporación destes profesionais, fundamentais para a mellora das oportunidades laborais de galegas e galegos
 

O Goberno galego quere reforzar a atención a persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado: mozas e mozos ou persoas paradas de larga duración
 

As e os profesionais incorporaranse ás oficinas de emprego das catro provincias e aos servizos centrais da Consellería

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación da relación de postos de traballo coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade creará un servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial integrado por 136 profesionais, que se incorporarán ás 53 oficinas de emprego de Galicia incrementando nun 25% a súa dotación de persoal.

 

O Goberno galego destinará a esta medida arredor de 5 millóns de euros co obxectivo de optimizar os apoios que se veñen prestando desde o servizo de emprego de Galicia, ampliando a área de orientación con carácter xeral e permanente e consolidando a atención que se dispensa ás persoas usuarias.

 

A incorporación deste persoal permitirá reforzar a atención de colectivos prioritarios na busca de empregabilidade como mozas e mozos ou parados de larga duración.

 

Os 136 postos estarán repartidos nas oficinas de emprego das correspondentes Xefaturas Territoriais de Promoción do Emprego da Xunta: 46 técnicos medios de orientación estarán destinados en oficinas da Coruña; 16 en Lugo; 18 en Ourense; 50 en Pontevedra; e os 6 restantes traballarán directamente no servizo de orientación laboral e o de intermediación da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

 

Todas as oficinas recibirán, deste modo, persoal adicional para reforzar os servizos de orientación, para potenciar a captación de ofertas de emprego e favorecer a comunicación co tecido empresarial.

 

O ingreso de profesionais alimentará a rede de orientación existente en Galicia, moito máis extensa, e que con estes 136 profesionais acada os 666 postos ao contar, a maiores,  con 268 orientadores laborais subvencionados en concellos, entidades sen ánimo de lucro e organizacións empresariais e sindicais; 220 axentes de desenvolvemento local; e 42 axentes de emprego en entidades sociais que exercen un labor fundamental para mellorar as oportunidades laborais de galegas e galegos.

Imaxes relacionadas