A Xunta lamenta a inacción do Ministerio de Sanidade ante a falta de especialistas médicos

O Executivo galego critica que o Goberno non inclúa na Orde do día do Consello Interterritorial do vindeiro luns, ningún punto no que se aborde o principal problema que sofre o Sistema Nacional de Saúde

A Xunta remarca a necesidade de celebrar un Pleno extraordinario no que se debatan as medidas necesarias para paliar o déficit de facultativos a nivel nacional

Así mesmo, lamenta que o Goberno central ignore o problema e eluda o debate duns acordos que están pendentes de cumprimento desde o ano 2018, malia afectan cada día aos profesionais e pacientes sanitarios de toda España.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de remitir unha nova carta ao Ministerio de Sanidade na que solicita a necesidade de convocar un pleno extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, para abordar a situación do déficit de facultativos que afecta ao conxunto do territorio nacional.

O Executivo galego adoptou esta decisión tras comprobar que no vindeiro pleno do Consello Interterritorial, que se celebrará o próximo luns en Mérida, non se inclúe en ningún dos puntos da súa Orde do día, a abordaxe do principal problema que sofren  servizos sanitarios de todas as comunidades Autónomas.

A misiva, dirixida á Ministra de Sanidade, Carolina Darias, tamén subliña o incumprimento dos acordos acadados en abril do ano 2018, un consenso no que se daba luz verde á revisión dos requisitos de acreditación dos centros e unidades docentes nas especialidades de Medicina familiar e Pediatría, ou á flexibilización dos procesos para incentivar a provisión das prazas de difícil cobertura. “Estas medidas seguen pendentes”, crítica a Xunta no texto, malia que xa transcorreron máis de catro anos desde o seu acordo.

No texto, a Xunta insiste en que a carencia de profesionais médicos deu lugar a “unha situación crítica a nivel nacional” e que este feito require, en consecuencia, “de medidas de ámbito estatal que permitan superar conxuntamente esta situación”. Así, subliña que “non é admisible” que na vindeira reunión do Consello Interterritorial, o Ministerio ignore este problema e eluda o debate duns acordos pendentes de cumprimento desde 2018, cando afectan cada día aos profesionais e pacientes sanitarios de toda España.

Manifesto pola Atención Primaria

O pasado mes de xullo, a Xunta de Galicia, en colaboración co Departamento de Saúde do País Vasco, xa propuxo por medio dun Manifesto un conxunto de medidas ao Goberno de España, para atallar o déficit de especialistas médicos que padece o Sistema Nacional de Saúde. Neste senso, remarca que outros cinco gobernos autonómicos se adheriron ao devandito Manifesto, e que, as sete Comunidades que respaldaron o documento representan a máis do 60% da poboación española, ademais de contar co aval maioritario do Congreso dos Deputados.

O documento, ademais de demandar a necesidade de cumprir os acordos de abril do 2018, tamén engadía que era preciso crear a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, ou a necesidade de realizar as reformas precisas que permitan, cando menos durante os vindeiros catros anos, convocar 1.000 prazas MIR anuais a maiores, para garantir o relevo xeracional e a calidade asistencial.