O sistema de xestión integral da demanda en equipo de Sergas superá xa o millón de consultas tramitadas

Antes de que remate 2022, o XIDE estará implantado en 246 centros de saúde (53% do total do Sergas), xestionando xa as citas de 1.917.294 galegos (73% da poboación)


Os resultados obtidos até o de agora, amosan que a efectividade do XIDE se traduce principalmente nunha redución media do 40% nas citas forzadas nas axendas dos médicos de familia


Desde a súa posta en marcha, os motivos de consulta máis frecuentes foron: a renovación de receitas (12,8%), a realización de analíticas/extracción (10,3%), e coñecer o resultado de analíticas (10,1%)
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2022

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, presentou esta semana no Principado de Asturias, o modelo organizativo para mellorar a xestión da demanda (XIDE), que leva funcionando na atención primaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) desde hai máis dun ano e que xa superou o millón de citas tramitadas.

Estas Xornadas Técnicas da Asociación de Calidade Asistencial do Principado de Asturias abordaron de xeito monográfico o XIDE, debido ao interese espertado a nivel nacional.

Así, a Consellería de Sanidade está a recibir moitas peticións de diferentes comunidades autónomas e foros profesionais, para coñecer en profundidade o sistema XIDE en canto ao seu deseño, implantación e resultados. Desde que se implantou a xestión integral da demanda en equipo na atención primaria do Sergas, este sistema xa foi presentado aos Servizos de Saúde do País Vasco, Madrid, Cataluña e Murcia.

Resultados do XIDE

O sistema de xestión da demanda en equipo (XIDE) atoparase implantado a finais deste mes de decembro en 246 centros de saúde do Servizo Galego de Saúde (53%). Este sistema xestiona as citas a demanda de 1.917.294 galegos, polo que a súa implantación e aplicación abrangue xa ao 73% da cidadanía da nosa comunidade autónoma.

Desde a súa posta en marcha, e ata a actualidade, superouse a cifra do millón de citas a demanda canalizadas a través deste sistema. Os resultados obtidos, até o de agora, amosan que a efectividade do XIDE se traduce principalmente nunha redución media do 40% nas citas forzadas nas axendas dos médicos de familia.

Deste total de citas, os tres motivos de consulta máis frecuentemente rexistrados foron: “Renovación de Receitas” (un 12,8% do total), “realización de analítica/extracción” (un 10,3% do total) e “coñecer o resultado de analítica” (un 10,1% do total).

O profesional proposto a través do XIDE para a citación do paciente, de acordo co seu motivo de consulta, foi o médico de familia no 50% dos casos, enfermería no 25% e, o outro 25%, para o resto de categorías de atención primaria (odontoloxía, traballo social, matrona, etc.). Isto contribúe ao fomento do traballo en equipo entre os profesionais de atención primaria, así como a unha maior axilidade na resolución dos problemas ou necesidades que demanda a poboación.

En canto ao tempo óptimo proposto a través do sistema, nun 5% estimouse que a cita debería ser “inmediata” (non demorarse máis aló de 15-20 minutos), nun 17% estimouse que debese ser “no día” (cítase ao longo da quenda do profesional), e nun 78% asignouse como “ordinaria” (cítase no primeiro oco dispoñible).

Así mesmo, citáronse de maneira presencial o 52% das citas a demanda, mentres que no 48% restante corresponden a citas telefónicas.