A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece a resposta da sociedade galega ao chamamento para doar sangue

Grazas á xenerosidade da cidadanía foi posible recuperar as reservas de todos os grupos sanguíneos ata niveis normais

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

  A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desexa transmitir a todas as persoas que acudiron a doar sangue, e están a doar nestes días, o seu recoñecemento, xa que grazas ao seu xeneroso xesto estanse recuperando, ata niveis axeitados, as reservas de todos os grupos sanguíneos. Da mesma maneira, quere estender o seu agradecemento aos medios de comunicación galegos que contribúen a difundir información relacionada coa necesidade de doar sangue nos momentos de reservas baixas, e a todas as persoas e institucións que facilitan que podamos atender a todos aqueles que se achegan a doar.

 

Xenerosidade da poboación galega

Desde ADOS queremos poñer en valor que grazas á solidariedade amosada por todos os doantes que responderon ao chamamento, centos de pacientes galegos poden recuperar a súa saúde.

A importancia de doar no Nadal

Por outra banda, cómpre lembrar que as próximas festas de Nadal requiren dun esforzo na participación da cidadanía, pois a demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais non diminúe. Neste caso, salientar que durante todos os días do ano Galicia necesita entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir que os nosos centros hospitalarios conten en todo momento cos compoñentes sanguíneos precisos para o seu labor asistencial.

ADOS agradece a todos os galegos e galegas a súa inestimable xenerosidade e altruísmo como doantes, e lembra que a doazón de sangue necesita dun compromiso e colaboración constante para manter as reservas dos distintos grupos sanguíneos nuns niveis idóneos.
 
ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:
 
DATA
CONCELLOS
Mércores 21 de decembro

Miño, Los Rosales (A Coruña), Carral, Santa Comba, Praza Roxa (Santiago), Barro, Ponte Caldelas, Balaídos (Vigo), Redondela, Cervo, Mondoñedo, Bº Estación (Ourense).

Xoves 22
de decembro

Fene, Cambre, Oleiros, Melide, Pobra do Caramiñal, Cuntis, Porriño, García Barbón (Vigo), Paradela, Portomarín, Monforte, A Merca, Taboadela, Bº San Francisco (Ourense).

Venres 23
de decembro

Praza de España (Ferrol), Praza Conchiñas (A Coruña), Sada, Rianxo, Área Central (Santiago), A Estrada, Navia e Valadares (Vigo), Monforte, o Carballiño.

Sábado 24
de decembro

Praza de España (Ferrol), Obelisco (A Coruña), Área Central (Santiago), Navia (Vigo), Rúa do Paseo (Ourense)

 
 Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:
 
CENTRO
HORARIO
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROL
Luns das 15.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas
Venres das 8.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO
Luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE
Luns e venres das 15:00 ás 22:00 horas
Martes, mércores e xoves das 8:00 ás 15:00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Luns e venres de 08.00 ás 15.00 horas

Martes, mércores e xoves de 15.00 horas a 22.00 horas

HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO

Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
 

 Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

 
 Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
 
 
  
  
  
  
  

Imaxes relacionadas