Máis de 40.000 persoas fixeron una colonoscopia no Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinala que unha das prioridades do seu departamento é potenciar os programas poboacionais de cribado existentes

Grazas ao programa detectáronse preto de 2.000 cancros invasivos, a maioría en estadios precoces, e máis de 16.700 lesións que requirían vixilancia endoscópica

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 “A alta taxa de detección de cancro colorrectais en fases temperás de evolución indícanos que imos polo bo camiño”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inaguración da Xornada sobre Resultados e actualización deste programa, que tivo lugar hoxe a primeira hora da mañá, no salón de actos da Consellería de Sanidade.

Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, quen estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, remarcou que, dende o seu inicio no ano 2013, o programa enviou máis dun millón e medio de invitacións a participar no mesmo e entregáronse tests a máis de 700.000 persoas. Dende 2013 e ata finais do pasado ano, fixéronse colonoscopias a máis de 40.000 persoas. Delas, 16.783 tiñan unha lesión que requiría de vixilancia endoscópica e 1.970 un cancro invasivo (o 66% deles en estadios precoces).

Recentemente, acordouse enviar directamente aos domicilios os test de cribado. Esta decisión adoptouse tras realizar unha pilotaxe na área sanitaria da Coruña e Cee, que demostrou que o envío directo dos ‘kits’ optimiza os resultados de participación.

Tal e como incidiu o conselleiro, unha das prioridades da Consellería de Sanidade, é precisamente potenciar, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, os programas poboacionais de cribado existentes, tanto os de cancro (mama, colon e cérvix) como o neonatal (hipoacusia e metabolopatías).

Respecto das liñas de avance que está a poñer en marcha a Xunta neste eido, Comesaña destacou a incorporación das novas tecnoloxías, e un exemplo diso é a dixitalización da invitación nos programas de cribado de cancro, que se implementou a finais deste ano no cribado de cancro de cérvix.

Recoñecemento aos profesionais

O responsable da sanidade pública galega amosou, na súa intervención, o seu recoñecemento aos profesionais que traballan desde diferentes ámbitos no conxunto de procesos que conforman un programa poboacional de cribado, dende a fase de aplicación da proba de cribado, ata o diagnóstico, tratamento e seguimento dos casos positivos, “o que fai posible realizar a confirmación diagnóstica e o tratamento no menor tempo posible, aplicando as mellores tecnoloxías dispoñibles nesta fase e axudando aos pacientes a superar unha enfermidade grave”.

O Goberno galego segue a dar pasos que inciden no diagnóstico, prevención e tratamento desta enfermidade. Ao respecto, o conselleiro sinalou que, en outubro, a Xunta presentou a Estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña co Plan Europeo, e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección temperá deses cancros en grupos de risco.

Xunto ao anterior, o Executivo galego aprobou uns presupostos para o vindeiro ano que incrementan nun 70% a partida para cribados, principalmente para estender a toda Galicia o cribado de cancro de cérvix.