Galicia afonda no fortalecemento e transformación da Atención Primaria en España con 29 novos plans locais de saúde

Con estes novos plans acádase un total de 43 en toda Galicia, beneficiando a 36 concellos das catro provincias galegas

A última enquisa de satisfacción revelou que os 14 servizos de atención primaria que xa contaban con Plan local de saúde recibiron unha valoración global da cidadanía dun 7,8 sobre 10

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que ao remate do 2023, o 50% dos 145 servizos de atención primaria de Galicia contarán cun Plan local de saúde propio
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

  O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou hoxe pola tarde, no acto de sinatura dos 29 novos Plans locais de saúde 2023-2026 do Sergas, correspondentes aos servizos de atención primaria de Abegondo, Betanzos, Labañou (A Coruña), Casa do Mar (A Coruña), Vimianzo, Ordes, Silleda, Muros, Valga, Narón, Cedeira, Pontedeume, Praza do Ferrol (Lugo), Illas Canarias (Lugo), Sarria, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Allariz, O Barco de Valdeorras, Novoa Santos (Ourense), Mariñamansa (Ourense), Bueu, Lérez, A Parda (Pontevedra), Vilanova de Arousa, Teis (Vigo), Colmeiro (Vigo), Cangas e O Porriño. En total, 29 servizos de atención primaria das sete áreas sanitarias e 24 concellos.

No acto de sinatura, o conselleiro estivo acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares.

“Se sumamos os 14 servizos que asinaron o Plan para o pasado ano, temos un total de 43 centros de saúde con Plan local que chegarán a beneficiar a un total de 36 concellos”. Seguimos camiñando xuntos, -proseguiu o conselleiro-, profesionais e administracións destes 36 concellos, “para avanzar no fortalecemento da sanidade pública a través do cumprimento dos obxectivos dos plans locais”.

Alí onde hai plans locais xa implantados, -dixo o responsable do Sergas-, “os pacientes ingresan menos e acoden menos a urxencias, posto que a continuidade asistencial é maior”. Ao respecto, e segundo a última enquisa anómima feita en novembro, a atención sanitaria nos centros de primaria con Plan local de saúde, conta cunha valoración global da cidadanía de 7,8 sobre 10.

O obxectivo da Xunta é poder beneficiar á cidadanía dos 313 concellos galegos, por iso o titular da carteira sanitaria do Executivo galego solicitou a colaboración dos municipios. Así, segundo o conselleiro, “ampliaremos o ano que vén os Plans locais de saúde ata facer posible que, ao remate do vindeiro ano, o 50% dos 145 servizos de atención primaria que temos en Galicia conten cun Plan local de saúde propio”.

Folla de ruta estratéxica

Tal e como remarcou o máximo responsable da sanidade pública galega, os plans de saúde locais son follas de ruta estratéxica e de xestión “que van permitir a transformación da atención primaria no que atinxe á mellora da saúde da poboación e da eficiencia do servizo, así como da satisfacción dos profesionais e do incremento da calidade e experiencia do paciente”.

Os plans, -dixo Comesaña-, dotan de maior capacidade de autoxestión aos centros, impulsan a figura dos xefes e coordinadores dos servizos e xestionan a nivel local os recursos humanos. Así mesmo, posibilitan unha atención integral, centrada na persoa. Xunto ao anterior, permiten unha maior equidade, accesibilidade e proximidade no trato ao doente, así como unha mellor organización das axendas dos profesionais, buscando un liderado compartido entre os distintos profesionais.

Non esqueceu sinalar, así mesmo, o conselleiro, que os plans locais de saúde posibilitan que os profesionais de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde en colaboración cos servizos do seu concello, cos centros educativos, cos servizos sociais, coas asociacións e coa cidadanía.

Comesaña subliñou que os plans foron elaborados polos propios profesionais de cada centro de saúde, “que son os que saben cal é a mellor forma de concretar estes obxectivos”. Trátase dun traballo multidisciplinar levado a cabo por persoal médico, de enfermería, de farmacia, de odontoloxía, de traballo social, matronas, hixienistas e persoal de servizos e xestión, que traballaron xunto cos membros dos equipos directivos das áreas sanitarias.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que, seguindo o exemplo dos 14 servizos que foron pioneiros, “fagamos tamén realidade a razón pola que naceron estes plans nestes outros 29 servizos, que non é outra que mellorar a calidade asistencial dos pacientes, así como reducir a incidencia das patoloxías máis prevalentes en cada concello e, ademais, tecer redes de colaboración entre o centro de saúde e a súa contorna, en beneficio da saúde da poboación”.

Imaxes relacionadas