O presidente da Xunta interveu no Parlamento de Galicia para explicar as actuacións do Goberno galego para reforzar a atención primaria

Rueda anuncia que a Xunta reforzará a atención primaria cun cento de profesionais para atender persoas que padecen diabete, hipertensión, insuficiencia renal ou obesidade

Lembra que estes dietistas/nutricionistas se suman ás 134 novas prazas de persoal, cuxa contratación xa está incorporada nos Orzamentos de 2023
 

Salienta que entre 2008 e 2022 o Executivo galego aumentou en máis dun 80% as prazas MIR, que no caso das de medicina de familia supoñen o “dobre” que durante o goberno bipartito
 

Avanza que se pretende mellorar a marca de 42 días de tempo medio para a primeira consulta de hospital que se acadou antes da pandemia
 

Garante que se farán os esforzos necesarios para que a sanidade pública galega “siga a ser de primeiro nivel”
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro 2022

  O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta reforzará a atención primaria cun cento de profesionais especializados, que axudarán a ofrecer a mellor atención ás persoas que padecen diabetes, hipertensión, insuficiencia renal ou obesidade.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, Rueda precisou que será no Consello da Xunta de mañá cando se dea o primeiro paso para a contratación en centros de atención primaria destes dietistas/nutricionistas, que se sumarán ás 134 novas prazas de persoal cuxa contratación xa está recollida nos Orzamentos de 2023.
 
Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor o esforzo que está a facer o Goberno autonómico para reforzar a atención primaria. Así, salientou que, entre 2008 e 2022, a Xunta aumentou en máis dun 80 por cento a prazas MIR e comparou as de medicina de familia do bipartito coas actuais, “que son o dobre”. Tamén reprochou que durante os catro anos de goberno PSdeG-BNG non se chegaran a cubrir o 70% das prazas MIR en primaria, cando agora se cobren o 100%.“ ”Supuxo 157 médicos en 4 anos que se deixaron de formar e que agora estarían traballando”, recriminou.
 
O titular do Executivo autonómico resaltou o feito de que nestes Orzamentos de 2023 os fondos para Sanidade medran en 400 millóns con respecto ao pasado ano e que a atención primaria conte cun 30% máis de orzamento do que contaba cando gobernou BNG e PSdeG.
 
Rueda tamén fixo fincapé que neste trece anos se levan construíndo e mellorando máis dun centenar de centros de saúde cun investimento de 120 millóns de euros e destacou que nos orzamentos do vindeiro ano se van destinar 100 millóns de euros máis a persoal.
 

Mellorar os 42 días de tempo medio para a primeira consulta no Hospital

Ademais, tamén remarcou que o tempo medio para primeiras consultas de hospital en Galicia é de 55 días, unha cifra que enfrontou aos 79 da media nacional ou aos 65 que se rexistraron en 2009. No entanto, anunciou que se pretende mellorar a marca de 42 días que se acadou antes da pandemia.

O mandatario galego resaltou o feito de que máis de 11.000 pacientes de cancro tiveron un primeiro diagnóstico nunha media de seis días, grazas ás vías rápidas que implantou a Xunta.
 
 “Por suposto que hai moitas cousas que mellorar e traballaremos para seguir mellorando”, anunciou Rueda, quen con esta intención amosou a vontade do Goberno galego de “falar con todo o mundo”, referíndose en concreto aos colexios profesionais, ás organizacións sindicais, ás sociedades científicas e aos pacientes. “Que ninguén teña dúbida de que faremos os esforzos necesarios para que sanidade pública galega siga a ser de primeiro nivel”.
 

Imaxes relacionadas