A Xunta supervisa o resultado das obras de acondicionamento do centro de saúde de Monfero nas que se investiron 33.000 €

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións nas que se substituíu a instalación de fontanería, se repararon os falsos teitos e se procedeu ao pintado exterior e interior

As actuacións leváronse a cabo ao abeiro dun convenio subscrito entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Monfero e foron financiadas ao 50%

O goberno galego achega máis de 9.000 euros anuais ao concello para financiar o mantemento deste centro de saúde de titularidade municipal

O centro de saúde de Monfero recibiu en novembro a unha nova facultativa grazas ao concurso de méritos convocado pola Xunta para prazas de difícil cobertura
 

Monfero (A Coruña), 22 de decembro de 2022.-

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, visitou esta mañá o centro de saúde de Monfero, onde puido comprobar o resultado das obras de acondicionamento executadas nas instalacións sanitarias en base a un convenio entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello.

 

Os traballos, cuxo custo ascendeu a preto de 33.000 euros e que foron asumidos ao 50% entre ambas administracións, comprenderon o pintado exterior e interior e a limpeza das fachadas de pedra do edificio. Ademais procedeuse á substitución da instalación de fontanería e a reparación dos falsos teitos deteriorados. Na visita, Martina Aneiros puxo en valor estas actuacións que que non so redundan na mellora da atención aos veciños, senón nas condicións nas que o persoal do centro desenvolve o seu traballo.

 

Aneiros e Facio destacaron tamén a incorporación o pasado mes de novembro dunha nova facultativa ao centro de saúde. Esta profesional obtivo a súa praza en propiedade no centro de saúde de Monfero a través dun concurso de méritos extraordinario que a Xunta de Galicia puxo en marcha este ano para dotar de profesionais estables a 106 prazas de difícil cobertura na atención primaria galega.

 

O éxito desta experiencia este ano, que permitiu cubrir prazas como a de Monfero que quedaban vacantes nas ofertas públicas de emprego ou concursos de traslados, levou ao goberno galego a impulsar unha nova Lei que permitirá seguir estendendo este sistema de cobertura sen oposición a máis prazas de difícil cobertura na medicina de familia, na pediatría de atención primaria ou nos servizos de saúde mental.

 

Infraestruturas de atención primaria na Área Sanitaria de Ferrol

 

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 m2. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na Área Sanitaria de Ferrol, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Espasante-Ortigueira, As Somozas, A Capela, Ares e Narón. Tamén leváronse a cabo obras de ampliación no centro de saúde de Serantes e as reformas dos centros de saúde de Mugardos, As Pontes e Ortigueira. No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Cabanas e Valdoviño.

 

Para continuar con este esforzo, o anos pasado o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que, no caso da área sanitaria de Ferrol, contempla actuacións de mellora das infraestruturas en Cedeira, Fene e Ferrol (coa construción dun novo centro de saúde no barrio de San Xoán). 

 

Colaboración entre administracións

 

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

 

No orzamento para o vindeiro ano 2023 a Xunta reforza unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais incrementando ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal. Concretamente, o Concello de Monfero recibe da Xunta máis de 9.000 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde, ademais da colaboración financiando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. 

 

A representante do Goberno galego puxo esta intervención como exemplo da colaboración entre administracións e aproveitou a visita para felicitarlle as próximas festas aos profesionais que traballan no centro de saúde.

Imaxes relacionadas