A Xunta acondiciona 370 hectáreas de superficie mediante rozas mecanizadas en montes do distrito forestal III Santiago-Meseta interior

O director xeral de Defensa do Monte supervisou esta mañá diversas obras de xestión de biomasa en pistas forestais do distrito III Santiago-Meseta interior

Neste distrito forestal tamén se están executando varios cortalumes e acondicionando os 140 puntos de carga de auga que emprega o persoal do distrito

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisou esta mañá en Lavacolla diversos traballos de xestión de biomasa en camiños forestais, realizados polos traballadores do distrito forestal III Santiago-Meseta interior.

 

Así, neste distrito forestal estanse xestionando un total de 370 hectáreas de superficie mediante rozas mecanizadas, das cales 130 xa están acondicionadas. A esta cifra súmase o mantemento estratéxico doutros 60 quilómetros de pistas forestais de forte pendente, mediante a limpeza de pasos de auga e desatascos puntuais de cunetas.

 

Tamén se están executando neste distrito forestal varios cortalumes, mediante traballos silvícolas, rozas manuais, podas e rareos. De feito, unhas 20 hectáreas están repartidas en puntos estratéxicos, das cales xa se xestionaron a metade. Por último, tamén se están acondicionando os 140 puntos de carga de auga que emprega o persoal do distrito, tanto artificiais como naturais, e que precisan dun mantemento continuo.

 

Plan preventivo de Galicia

Todas estas actuacións están enmarcadas no Plan preventivo de Galicia 2022, dotado con 33,1 millóns de euros. Con eses fondos actúase en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías de toda Galicia. Ademais, neste plan prevese a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes, o que supón actuar nun total de 4.861 puntos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural