A Xunta apoia a conciliación corresponsable en Palas de Rei a través do espazo de lecer municipal no que están a participar 32 nenas e nenos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe as actividades que se están levando a cabo nesta iniciativa que permite a conciliación a 23 familias do municipio lucense

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia a actuación con preto de 25.000 euros a través do Plan Corresponsables

Palas de Rei (Lugo), 22 de decembro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o espazo de conciliación do Concello de Palas de Rei que a Xunta financia a través do Plan Corresponsables cunha axuda este ano próxima aos 25.000 euros. Con esta iniciativa, estase a ofrecer desde o mes de setembro e ata finais de decembro, en horario de 7,30 horas a 9,45 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas, un espazo de lecer a 32 nenas e nenos de 3 a 12 anos, o que supón o apoio a 23 familias do municipio con necesidades de conciliación da vida familiar e persoal coa laboral.  

López Abella sinalou que a conciliación corresponsable é un eixo prioritario das políticas da Xunta. Neste senso, indicou que ademais dos diferentes programas de axudas, a futura Lei autonómica para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, na actualidade en tramitación, prestará especial interese á igualdade e o benestar laboral e á conciliación da vida persoal e profesional.

Segundo a secretaria xeral da Igualdade, é preciso “seguir avanzando nun modelo de sociedade de roles compartidos e equilibrados e é importante un cambio de actitude, a xeración dunha nova cultura a favor da igualdade e o benestar laboral, valores que se deberían ir interiorizando desde idades temperás”.

A Xunta seguirá en 2023, deste xeito, apoiando a conciliación e a corresponsabilidade, á que se destinarán, tan só desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, 14,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas